Skip to main content
30 persoas con discapacidade a causa de enfermidade mental están a participar, durante estes e os vindeiros días, nun obradoiro de Novas Tecnoloxías Aplicadas á Busca de Emprego nas cidades de Vigo, A Coruña e Santiago.
O obxectivo deste obradoiro, que se enmarca dentro do Proxecto de Habilidades Prelaborais 2019/2020, é dotar ás persoas participantes de ferramentas que lles permitan mellorar a súa busca de emprego a través da iniciación ou o perfeccionamento na informática básica e na Internet. 
Para iso, aprenderán a usar buscadores online, o correo electrónico aplicado á busca activa de emprego, elaborarán CVs e cartas de presentación e aprenderán a buscar fontes electrónicas de información e xestión laboral. Tamén coñecerán distintos organismos de axuda ao emprego como o SPEG-SEPE, os Concellos, as Cámaras de Comercio, as Confederacións de Empresarios, etc. 
Por outra banda, as persoas participantes iniciaranse no manexo de portais de emprego, formularios de solicitude e metabuscadores, así como as redes sociais e outros recursos web para a busca de emprego como simuladores de entrevistas, videocurrículos, foros e blogs, etc.
O obradoiro de Novas Tecnoloxías Aplicadas á Busca de Emprego comezou o 10 de febreiro no Centro Cívico de Los Rosales (A Coruña), onde se desenvolverá ata o 21 do mesmo mes. Pola súa banda, do 17 de febreiro ao 2 de marzo realizarase na Aula CeMIT Vigo, grazas á colaboración da Concellería de Participación Cidadá e Desenvolvemento Local do Concello de Vigo. En Santiago, o lugar e datas do curso están pendentes de confirmación.
O Programa de Habilidades Prelaborais 2019/2020 está cofinanciado pola Consellería de Política Social (a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade) e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.