O 14 de decembro, o Auditorio Municipal de Ordes acolleu a II Xornada de Teatro e Saúde Mental organizada pola asociación Andaina, na que cinco asociacións de FEAFES Galicia mostraron o seu talento e creatividade sobre as táboas. Nun total de sete obras do máis variadas, un público de máis de 100 persoas puido rir, emocionarse, sorprenderse e gozar a través da maxia do teatro.
A asociación Apem Carballo foi a encargada de abrir a xornada coa súa obra “Unha de vaqueiros: non á mina”, unha historia ambientada no salvaxe oeste sobre un pobo e os diferentes puntos de vista que existen para unha mesma realidade. Apem Coruña tomou o revelo para facer rir ao público con “Os Titiriteiros”, unha obra que transcorre nun restaurante cuns camareiros e unha cociñeira un tanto especiais.
Tras un breve descanso, A Mariña subiu ao escenario para representar “A marabillosa mente de Alicia”, unha adaptación teatral da obra literaria na que unha moza entra nun mundo subterráneo de sorprendentes aventuras e personaxes extravagantes. A continuación, Morea interpretou “Microencontros”, un puzle de pequenas escenas inconexas que fixeron reflexionar ao público sobre as relacións persoais e as emocións.
Os intérpretes e demais acompañantes fixeron unha pausa ao medio día para gozar dunha comida todos xuntos, despois da cal continuou o espectáculo da man de Doa. “Misión imposíbel!!” foi a obra coa que sorprendeu este ano a asociación de Vigo e Cangas, unha crítica social en clave de humor na que os superheroes máis tradicionais toman o papel protagonista para describir unha sociedade mediocre dominada por valores mercantís onde o obxectivo principal é enriquecerse á conta do que sexa.
Para terminar, a anfitrioa Andaina representou as obras “O mercador de Venecia” e “Romeo e Xulieta”, dúas interpretacións dos clásicos de Shakespeare nas que os personaxes e as historias toman novos camiños para facernos reflexionar sobre a amizade, o poder do diñeiro, a relixión e o amor.