Skip to main content

As entidades do Terceiro Sector galego, representadas por EAPN-Galicia, CERMI-Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD, fixeron balance onte das cifras recadadas o ano pasado mediante a asignación do 0’7% do IRPF a fins sociais. Así mesmo, tamén presentaron a campaña deste ano co obxectivo de que a cidadanía marque o recadro de Fins Sociais.

Neste senso, a vicepresidenta de EAPN-Galicia, Mónica Permuy, explicou que “cando se fai a declaración da renda existen catro posibilidades: marcar o recadro de ‘Fins Sociais’, que este ano pasa a chamarse ‘Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social’; marcar o recadro de ‘Fins Sociais’ e o da ‘Igrexa Católica’; marcar só o cadro da ‘Igrexa Católica’; ou non marcar ningún recadro”. 

No caso de marcar os dous recadros os cartos non se dividen, senón que se multiplican por dous, pero Permuy fixo fincapé na idea de que “elixir o que queres que se faga cos teus cartos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica”. Ademais, a vicepresidenta de EAPN-Galicia tamén quixo aclarar que cando se marca un recadro os contribuíntes non pagan máis impostos e tampouco lles devolven menos. “Do que hai que pagar na Declaración do IRPF, o Estado saca un 0’7% para que ti decidas en que se vai gastar”, concluíu.

Pola súa banda, o presidente do CERMI-Galicia, Anxo Queiruga, explicou que os 14.427.225 euros recadados en Galicia o ano pasado son repartidos entre as organizacións sociais, polo que “son un importante instrumento de política social para a loita contra a exclusión”. Ademais disto, o presidente do CERMI-Galicia aclarou que “existe unha total transparencia por parte das ONG á hora de xestionar os proxectos que se realizan e que non se destinan ás estruturas das entidades”.

Ademais tamén se criticou que o Ministerio decidira no último momento cambiar o nome do recadro de Fins Sociais que agora pasa a chamarse cadro de ‘Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social’.

Lorena Seijo, membro da Coordinadora Galega de ONGD, realizou un balance das cifras acadadas o ano pasado mediante o recadro de “Fins Sociais”. En concreto, Seijo apuntou que “grazas á solidariedade das persoas que destinaron o 0’7% dos seus impostos a esta finalidade, obtivéronse 14.427.225”, pero engadiu que “se ese 48% de persoas que só marcan a Igrexa ou que non marcan ningún recadro apostara polo X Solidario, a cifra aumentaría en case 12.000.000 de euros”. “Hai 604.494 galegos e galegas que non marcan o recadro de Fins Sociais, un xesto que non custa nada, e por eles e para eles vai esta campaña”, subliñou Lorena Seijo.

 

x solidaria 2.jpg         x solidaria.jpg