O asesor xurídico de Feafes Galicia, Iván Sanmartín imparte un curso formativo á Policía Local de Vigo titulado “Habilidades sociais na intervención policial: Trastorno mental e modificación da capacidade”.
Esta acción formativa pretende dotar aos alumnos das habilidades, destrezas e coñecementos necesarios para poñer en xogo en intervencións policiais con cidadáns con psicopatoloxía de base. En concreto, o avogado axudaraos a analizar, dende un punto de vista xurídico, a incapacidade, os procedementos de modificación da capacidade e os internamentos, todo iso con especial atención na intervención policial.
As clases impártense os días 29 e 30 de novembro en horario de 17:00 a 19:30 horas. Nelas farase unha descrición da tutela e as súas diversas variantes, curadoría, autotutela. A continuación, analizarase a convención da ONU aprobada por Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 13 de Decembro de 2006 e ratificada polo Estado español o 3 de decembro de 2007.
O asesor xurídico tamén explicará as demandas máis frecuentes en situacións conflitivas en relación á tutela entre persoas con enfermidade mental e os seus familiares e forzas de seguridade. Ademais, analizará o exercicio do cargo de titor, responsabilidades, dificultades e dúbidas. Así mesmo, estudaranse os internamentos e ingresos non voluntarios e as situacións conflitivas potenciais coas forzas de seguridade derivadas destes casos. Por último, verán o “Protocolo Acouga” de ingresos involuntarios urxentes para persoas con enfermidade mental establecido pola Consellería de Sanidade.