Skip to main content

O Azkar Lugo Fútbol Sala, a través da súa Fundación, desenvolve unha importante actividade nos ámbitos social e cultural na procura dun beneficio do conxunto da sociedade galega e, máis concretamente, lucense. A súa responsabilidade social exemplifícase na colaboración con diversas entidades de colectivos que, por unha razón ou outra, teñen menores posibilidades de acceso ó deporte ou a un ocio normalizado, como poden ser as persoas con enfermidade mental.

Ó longo dos últimos anos, o Azkar Lugo F.S. amosou o seu compromiso e proximidade á saúde mental abrindo as súas portas ós usuarios de FEAFES Galicia para que poidan disfrutar do fútbol sala nun ambiente integrador e normalizado.

Neste senso, e aproveitando que esta semana conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, o Azkar Lugo F.S. vai dedicar a FEAFES Galicia a súa 5ª xornada da Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sada 2014-2015, que terá lugar o sábado 11 de outubro ás 18:00 no Palacio Municipal dos Deportes de Lugo. Neste encontro, o Azkar enfrontarase ó Santiago Futsal no que será o primeiro derbi da tempada, que se presenta crucial para ambos equipos.

Os usuarios de FEAFES Lugo e da asociación lucense Alume, poderán disfrutar deste encontro e instalarán unhas mesas informativas sobre saúde mental e sobre o traballo que desenvolven as entidades co colectivo de persoas con enfermidade mental. Ademais, o presidente da asociación Alume e vicepresidente de FEAFES Galicia, Manuel Fernández Prado, presenciará o encontro dende o Palco Presidencial.

Dende aquí, queremos agradecer o labor social que leva a cabo a Fundación Azkar e o seu compromiso coas persoas con enfermidade mental; moita sorte o sábado!

partido azkar.jpg