Saúde Mental FEAFES Galicia será a entidade protagonista do programa solidario “17 partidos, 17 causas” que leva a cabo o Leyma Coruña grazas a Obra Social “la Caixa”. A federación será homenaxeada no intermedio entre o primeiro e o segundo cuarto do partido que se disputará contra o Tau Castelló o próximo 12 de abril ás 20:45 no Palacio dos Deportes de Riazor.
Ao devandito encontro acudirán un grupo de persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Coruña e da asociación APEM, que gozarán do partido como público no marco das actividades de ocio e deportes que se desenvolven no programa “Coidamos de ti” da Consellería de Sanidade. Isto propicia que as persoas con problemas de saúde mental dean un paso máis no camiño cara á súa normalización, participando en actividades que lles proporcionen goce, ruptura da rutina diaria, socialización e integración na sociedade.
Desde o Leyma Coruña, da man de Obra Social “la Caixa”, queren facer novamente énfase na necesidade de dar visibilidade a entidades de carácter social como Saúde Mental FEAFES Galicia e APEM, cuxo obxectivo principal é a creación e adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e dos seus familiares.
Máis información en basquetcoruna.com.