Skip to main content

As accións de orientación laboral que se levan a cabo dende Saúde Mental FEAFES Galicia axudan a que, cada ano, cerca de 1.000 persoas con problemas de saúde mental logren acceder a un posto de traballo.

Cristina Rivas, orientadora laboral de Saúde Mental FEAFES Galicia, leva 14 anos ofrecendo información, asesoramento e apoio ás persoas con problemas de saúde mental no seu proceso de busca e mantemento dun emprego. “A orientación laboral proporciona unha atención individualizada centrada na persoa e nas súas potencialidades; permítenos desenvolver as súas fortalezas e traballar para diminuír as carencias”, asegura.

Saúde Mental FEAFES Galicia leva dende o 2002 realizando orientación laboral como centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Este servizo, que ofrecemos grazas ao apoio da Xunta de Galicia e que está financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, está especializado en favorecer a inserción laboral das persoas demandantes de emprego que teñen algún problema de saúde mental. Foi pioneiro a nivel nacional e é un recurso normalizado, xa que permite que estas persoas poidan realizar demandas similares ás da poboación en xeral.

“A miña tarefa como orientadora laboral de Saúde Mental FEAFES Galicia consiste en desenvolver e adaptar os servizos xenéricos de orientación laboral ás características específicas do noso colectivo: as persoas con problemas de saúde mental”, sinala Cristina. Para iso, acompaña ás persoas durante todo o seu proceso: “Facemos unha diagnose da súa situación de partida, axudámoslles a definir un perfil profesional e elaboramos con elas un itinerario formativo e laboral. Paralelamente, traballamos para mellorar as súas habilidades sociolaborais, aumentar a motivación e potenciar as competencias necesarias”, engade.

Ademais, esta atención individualizada compleméntase con accións grupais onde se traballan outros aspectos como a preparación de entrevistas de selección ou o uso de ferramentas dixitais. “As tecnoloxías da información supoñen un cambio importantísimo en todos os aspectos, polo que formar ás persoas nestas competencias é fundamental hoxe en día”, asegura Cristina.

Por outra banda, para favorecer a igualdade de oportunidades, o persoal de orientación laboral de Saúde Mental FEAFES Galicia tamén se despraza a zonas de maior dispersión territorial para achegar este recurso a outras persoas susceptibles de beneficiarse del que non habitan nas grandes cidades ou nas súas proximidades.

Os obstáculos no acceso ao emprego

As persoas que acoden ao servizo de orientación laboral de Saúde Mental FEAFES Galicia son persoas con problemas de saúde mental que están desempregadas ou que buscan mellorar a súa situación laboral. “En moitos casos, atópanse en situación de vulnerabilidade económica e non contan con moita formación nin experiencia laboral”, comenta Cristina Rivas. “Non obstante, tamén temos outros perfís: persoas con estudos universitarios, con amplas carreiras profesionais, outras que están en busca do seu primeiro emprego, etcétera”, asegura. Cristina apunta tamén que os perfís foron mudando ao longo dos últimos anos: “Agora empezan a chegar persoas máis novas e tamén persoas migrantes, por exemplo”.

En calquera caso, ao longo da súa traxectoria, Cristina observou que existe unha serie de dificultades ás que estas persoas se enfrontan con frecuencia á hora de buscar un emprego: “A súa autopercepción como persoas non válidas é un dos grandes obstáculos. O estigma asociado ás enfermidades mentais fai que teñan unha autoestima moi baixa e crean que non serán capaces de desenvolver un traballo. Por iso, fomentar a motivación e o empoderamento é fundamental”, relata.

A iso súmase, en moitos casos, a falta de formación e experiencia laboral, posto que o debut dos problemas de saúde mental adoita darse na adolescencia ou no comezo da idade adulta. “Isto interrompe frecuentemente os estudos durante anos, o que dificulta que podan rematalos e fai que accedan ao mercado laboral máis tarde, con escasa cualificación e experiencia”, comenta Cristina.

Os recursos económicos limitados, que ás veces impiden o acceso a formacións especializadas, ou a falta de competencias dixitais en moitos casos, son outras das dificultades que atopan as persoas con problemas de saúde mental para acceder ao emprego.

O emprego, un factor de integración e normalización

O traballo é un elemento de gran valor social que vertebra a vida das persoas: “Ter un emprego axuda a desenvolver hábitos e rutinas, a organizar o día a día e a mellorar a autopercepción e a autoestima. Tamén favorece as relacións sociais e familiares, que en ocasións poden estar deterioradas por longos períodos de inactividade e dificultades económicas”, comenta Cristina Rivas.

Pero ademais, ter un emprego dota ás persoas de recursos económicos que lles permite unha maior autonomía. Nos obstante, Cristina ten claro que é o máis importante, posto que “a persoa pasa de ter un rol de persoa enferma a un rol de persoa traballadora, cos beneficios que isto supón a todos os niveis”, asegura.

Para as empresas, pola súa banda, tamén existen múltiples beneficios á hora de contar con persoas con problemas de saúde mental nas súas plantillas: “Mellora a súa imaxe social e corporativa, converténdose nunha empresa socialmente responsable, eliminando estereotipos e fomentando a aceptación da diversidade”, comenta Cristina.

Ademais, aquelas empresas nas que a inserción laboral está mediada por Saúde Mental FEAFES Galicia, contan co asesoramento e seguimento do persoal da entidade para que a inserción sexa exitosa. Cristina apunta tamén que os perfís das persoas propostas para cada posto adoitan estar moi axustados ás demandas das empresas, xa que previamente se prepara aos candidatos e candidatas para os postos solicitados.

“A nosa memoria anual do 2024 reflicte claramente que cando hai un servizo de orientación laboral especializado no colectivo, os datos de acceso ao emprego aumentan significativamente”, comenta Cristina. Estamos a falar de que a taxa de inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental é dun 18%, mentres que o 68% das persoas que acudiron ao servizo de formación e emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia durante o 2024, estiveron traballando.

“Quizais o máis importante a ter en conta é que cada persoa é única, ten competencias, habilidades e cualidades, e isto é o que define á persoa e a converte nunha traballadora máis. A súa enfermidade é unicamente unha condición que non a define nin como persoa, nin por suposto como traballadora”, conclúe Cristina.

 

Coa colaboración de: