Skip to main content
Novas

O CERMI Galicia presenta as súas demandas en defensa dos dereitos da discapacidade

By 4 de Decembro de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

O Comité de Entidades de Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI Galicia) presentou o pasado 3 de Decembro na Fundación NovaCaixaGalicia (Santiago de Compostela) as demandas do sector na defensa dos dereitos, a inclusión e o benestar das persoas con discapacidade e as súas familias. 

Baixo o lema “SOS Discapacidade-Dereitos, Inclusión e Benestar a salvo”, asistiron ao acto persoas con discapacidade xunto coas súas familias, voluntarios, profesionais do sector e simpatizantes, en protesta dos recortes sociais que, no marco do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, reuníronse para “defender os dereitos e garantías para as persoas con discapacidade e as súas familias que tanto tempo custou alcanzar e agora ven ameazados”.  

O Manifesto, que foi lido por persoas con discapacidade ante representantes da administración galega e partidos políticos autonómicos, foi elaborado polo CERMI Galicia, e recolle as inquietudes e reivindicacións do sector da discapacidade. Por parte de FEAFES Galicia, foi Cristina Riobó, membro do Comité de Persoas con Enfermidade Mental, quen alzou a voz en nome deste colectivo para amosar o seu rexeitamento á reforma do Código Penal.

No manifesto reclamábase tamén que o actual cambio de modelo de prestación de servizos que está a realizar a Administración Galega, coa implantación da carteira de servizos,  “non supoña o desmantelamento dos sistemas de apoio que actualmente temos e que tanto esforzo supuxo conseguir para o movemento asociativo da Discapacidade e as súas familias”. 

Por iso, no documento pídense “non máis cambios para nós, sen nós; non máis recortes; e non a máis copagos sobre as xa raquíticas pensións”. O Manifesto tamén fala do acceso ao emprego das persoas con discapacidade en Galicia. “Por todos está recoñecido que o emprego é un dos principais instrumentos para a inclusión social e participación cidadá das persoas con discapacidade, igual que para o resto da sociedade”, sinala.

Neste sentido pídese “o máis amplo compromiso para que nestes tempos as persoas con discapacidade non desaparezamos completamente do mundo laboral, en dirección á exclusión e á marxinalidade”. “Queremos alzar a voz a favor das persoas con discapacidade e reivindicar a nosa valía, así como declarar unha vez máis nosa loita manifesta contra o estigma que sofre este colectivo” declarou Cristina Riobó, durante a lectura do documento. 

Tamén se demanda e esixe “unha educación inclusiva plena” de acordo coa Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, á que se adheriu o Estado español, e rexeita “de pleno” a nova normativa da LOMCE, “contraria aos devanditos dereitos”.“Reclamamos a necesidade dunha inclusión e participación na sociedade que abarque todos os campos da vida, desde a educación até o emprego, pasando pola vida social. Só así, co apoio de toda a sociedade, lograremos a verdadeira inclusión”, reclaman o CERMI Galicia. 

Á súa vez, a proclama advirte da existencia de “formas agravadas de violencia contra a muller con discapacidade”, que persisten na sociedade entre os que padecen unha situación máis vulnerable pola concorrencia de factores de exclusión social, como a discapacidade, a pobreza e o desemprego, ademais do feito de ser muller, “sen que se tomen medidas ao respecto”.

A través do Manifesto pídese “o apoio incondicional dos nosos gobernantes ás políticas integradoras para manter, senón incrementar, os nosos logros e seguir coa loita pola inclusión social na nosa comunidade e deixar atrás a exclusión social á que estabamos abocados”.

Para ler o manifesto completo, pincha aquí.

diadiscapacidad.JPG        cermiiii.jpg