Un estudo realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas do 19 ao 25 de febreiro de 2021 presenta unha radiografía xeral sobre o estado da saúde mental das persoas que viven en España durante a realidade vivida pola pandemia da COVID-19. Analiza datos sobre o medo a morrer ou ao contaxio, as emocións de tristeza, problemas de soño, preocupación, cambios de humor, nos hábitos de vida, etc. Ademais, o estudo detalla os datos por ámbito socioeconómico e sociodemográfico, enfocando as consecuencias para a saúde mental das persoas menores, por exemplo.
Melloría ante a gravidade, aínda que alarma ante a evolución da situación. Podería ser o resumo do que pensan as persoas habitantes en España cando estamos a piques de cumprir un ano de pandemia. O 23,4% recoñece que neste tempo de crise sentiu “moito ou bastante medo” a falecer por coronavirus, segundo a enquisa do CIS que, é o positivo, rebaixa a menos da metade a porcentaxe que en novembro sentía o mesmo, e que entón era do 58,4%.
A enquisa sobre saúde mental do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) tamén desvela que o 68,6% dos e das habitantes de España padeceu “moito ou bastante medo” ante a posibilidade de morte dun familiar ou ser querido mentres que un 72,3% sentiu esa mesma preocupación ante o medo a contaxiar á súa contorna máis próxima. Na mostraxe reflíctese tamén que un 35,1% chorou pola situación pandémica e respecto ao medo á morte por COVID, a franxa de idade que máis se identifica sitúase entre os 55 e 64 anos, onde se dan o 26,2% das respostas.
Segundo o estudo sobre saúde mental do CIS, o 79% das persoas enquisadas recoñece sentirse “bastante ou moi preocupado/a” pola pandemia e un 28,7% admite que “moitos ou bastantes días” atopouse “mal por ter pouco interese ou pracer en facer cousas”. Un 21,5% considera que está “decaído/a, deprimido/a ou sen esperanza”, outro 21,8% descríbese como “nervioso/a, ansioso/a ou moi alterado/a”, en definitiva, “cos nervios de punta” e un 14,2% asegura sentirse “incapaz de parar ou controlar as preocupacións”.
Pero as consecuencias da COVID van máis aló e o 28 % tivo “pensamentos ou recordos desagradables non desexados sobre o coronavirus”, que no 36% dos casos alteraron “moitas ou bastantes veces” a súa vida social ou as relacións coa familia e os amigos. Ante a COVID, ao 59% das persoas enquisadas preocúpalle que “a pandemia se converta en parte da nosa vida”, unha 53% sospeita que a sociedade xa non volverá ser a mesma e un 33% teme a posibilidade de quedar illado ou illada socialmente.
A preocupación tamén se estende ao traballo. Un 27% teme perder o seu emprego e a un 61% que iso lle ocorra a algún familiar.
Ademais, a sondaxe do CIS desvela que un 51,9% di sentirse “con cansanzo ou con poucas enerxías”, un 41,9% ten problemas de soño, e un 38,7 % asegura sufrir dores de cabeza, entre outros problemas como taquicardia, mareos ou desmaios. Desde que comezou a pandemia, o 61,2% recoñece que lle preocupa a saúde moito máis que antes e un 48,6% traslada esa preocupación ao temor para contraer unha enfermidade grave.