A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, participará este venres 21 de Febreiro nunha fermosa iniciativa: o proxecto “13 partidos, 13 causas” do Club Básquet Coruña. A través desta campaña, o club deportivo dedica cada un dos seus partidos a unha entidade social á que convida a acudir como público, puidendo disfrutar así do evento e recibir un agasallo do equipo.
FEAFES Galicia será a entidade convidada este venres 21 de Febreiro ó partido que disputará o Básquet Coruña contra o Axarquía de Málaga ás 21:00 no Palacio de Deportes de Riazor. Ó remate do partido, no que se estima un público de arredor de 2.300 persoas, o presidente do Básquet Coruña, Carlos Lamora, fará entrega dunha camiseta firmada por todos os xogadores a un representante de FEAFES Galicia.
Os usuarios que acudirán a este partido serán persoas da asociación APEM de A Coruña (Asociación de Persoas con Enfermidade Mental) e membros do Club de Ocio de FEAFES na Coruña, que realiza actividades lúdicas e deportivas para favorecer a socialización do colectivo, a mellora da súa autonomía e a ocupación saudable do seu tempo libre.
As saídas que organiza o Club de Ocio de FEAFES na Coruña teñen unha frecuencia quincenal, realizándose fundamentalmente durante as fins de semana. Ó longo do ano 2013, na Coruña beneficiáronse das actividades de ocio e deportes de FEAFES un total de 81 persoas con enfermidade mental e 173 beneficiarios indirectos entre familiares e coidadores non profesionais.
A práctica habitual de actividades de ocio normalizado é unha das principais demandas dos usuarios de FEAFES, pois facilita que a súa vida transcorra dun xeito ordinario sen que a enfermidade supoña un inconveniente para elo. O Servizo de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia permite que as persoas con enfermidade mental poidan participar en actividades que lles proporcionen disfrute, ruptura da rutina diaria, actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquecemento cultural, socialización e integración plena na sociedade.
Deste xeito, o Servizo de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia ofrece un variado catálogo de actividades para persoas con enfermidade mental, que serve á vez de respiro para os seus familiares ou coidadores. Entre elas atópanse saídas deportivas, estancias vacacionais, viaxes de saúde e visitas culturais, das que se beneficiaron no 2013 un total de 201 persoas con enfermidade mental e 395 familiares.
A asistencia como público ó partido do Básquet Coruña enmárcase dentro deste servizo de FEAFES Galicia, propiciando que as persoas con trastornos mentais dean un paso importante no camiño cara a normalización da súa enfermidade, sendo quen de divertirse, disfrutar e pasar un rato entretido como calquera outra persoa.