Skip to main content
As persoas participantes no programa Posta a Punto para o Emprego que desenvolve Saúde Mental FEAFES Galicia nas súas cinco delegacións (A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo), están a participar estes meses nunha serie de obradoiros que lles permitirán adquirir motivacións, habilidades e competencias que favorezan o seu acceso ao mundo laboral, podendo así reverter a súa situación de exclusión social.
En A Coruña, ao longo do mes de febreiro, formouse un Club de Emprego que se reuniu semanalmente na aula de informática do Centro Cívico Os Rosales. Durante estas sesións, as persoas participantes puideron poñer en común as súas inquedanzas e experiencias relacionadas coa procura de emprego, así como buscar e compartir ofertas laborais. 
Cada persoa participante elaborou o seu perfil profesional e presentou a súa formación e experiencia laboral ante os compañeiros e compañeiras, explicando tamén as súas motivacións e intereses actuais. Deste xeito, puxéronse en práctica contidos traballados noutras formacións como a presentación de candidaturas e autocandidaturas, a realización de entrevistas de traballo, afrontamento de probas de selección, etc.
O programa Posta a Punto para o Emprego no que se enmarca esta actividade é un proxecto financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade que pretende mellorar a empregabilidade de persoas con problemas de saúde mental perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) ou do Ingreso Mínimo Vital (IMV).
O seu obxectivo principal é lograr que o 20% das persoas participantes acaden un emprego de 6 ou máis meses de duración, cunha xornada laboral mínima do 75% e que lles permita levar unha vida autónoma. Para iso, realízanse unha serie de actuacións que van desde a acollida e información ata un seguimento posterior á súa finalización. A formación dirixida á capacitación laboral estase a realizar simultaneamente nas cinco cidades nas que se desenvolve o programa: A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo.