O clube de ocio de Feafes Galicia en Ourense, nacido en 2011, consolidouse ao longo de 2012, logrando un gran éxito de participación, alcanzando un total de 38 usuarios rexistrados que participan regularmente nas diferentes actividades programadas.
Ao longo deste ano, acompañados dun monitor, os integrantes do clube realizaron numerosas actividades na cidade das Burgas. Así pois, asistiron ao ballet “O lago dos cisnes” no Auditorio Municipal, a un concerto do Festival de Jazz de Primavera no Café Latino e á obra de teatro “Kamouraska” no Teatro Principal.
Ademais, o grupo de ocio acudiu a xogar aos birlos a unha boleira, realizou un roteiro ata o castro de San Tomé, visitou as termas de Outariz para darse un baño e participou no tradicional magosto de Montealegre. Así mesmo, ao longo do ano, o clube de ocio tamén se desprazou a outros concellos limítrofes da cidade das Burgas para disfrutar de diferentes actividades de lecer.
Todo isto foi grazas á colaboración da concellería de Cultura, Festas, Festival de Cine e Normalización Lingüística do concello de Ourense, que en 2011 xa asinou un convenio con Feafes Galicia, que se repetiu en 2012.