Skip to main content

O mércores 9 de xullo ás 13:45, o Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo (Rúa Ramón e Cajal, 2, 4º) acollerá a sinatura dun convenio de colaboración entre esta entidade e FEAFES Galicia. Por parte da primeira entidade acudirá o seu presidente, D. Alejandro López Quiroga, e por parte da segunda asinará o director da Federación, D. Antonio Hernández.

O Ilustre Colexio de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo encárgase da representación institucional dos colexiados e a promoción da saúde bucodental na provincia de Lugo. Esta entidade coincide con FEAFES Galicia na necesidade de mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e a dos seus familiares en Galicia, polo que están de acordo en establecer unha colaboración neste ámbito de interese común.

Por iso, conveñen en estreitar as súas relacións e establecer normas de actuación que canalicen e incrementen os seus contactos e colaboracións. A través deste convenio, as dúas entidades acordan impulsar a elaboración de guías ou manuais de saúde bucodental orientados especialmente a persoas con discapacidade. Do mesmo xeito, fomentarase a organización de xornadas ou charlas informativas dirixidas a persoas con enfermidade mental, familiares e profesionais da saúde mental, así como cantas accións formativas contribúan a mellorar a saúde e calidade de vida destes.

O convenio entrará en vigor a partir da súa sinatura e a súa vixencia será dun ano, automaticamente prorrogado salvo denuncia por algunha das súas partes. Con el, FEAFES Galicia da un paso máis no seu traballo por potenciar a saúde física e mental do colectivo ó que representa e tratar de mellorar así a súa calidade de vida. 

convenio odontologos lugo.jpg