Skip to main content

O martes 6 de maio, os membros do Comité de Persoas con Enfermidade Mental de Galicia realizaron unha reunión en Santiago de Compostela para abordar diversos temas de interese e actualidade relacionados coa saúde mental. O obxectivo desta reunión foi definir a posición do Comité galego ante distintas situacións que lles incumben, así como preparar os temas que se tratarán na reunión do Comité nacional de Persoas con Enfermidade Mental que terá lugar o 10 de maio.

Tras unha pequena revisión da situación do Comité, os asistentes escoitaron as achegas feitas dende Madrid a través da última reunión do Comité nacional. Debateuse sobre o empoderamento das persoas con enfermidade mental, sobre a conveniencia de realizar unha plataforma web por e para a saúde mental, e sobre a composición que deberían ter os equipos de intervención neste ámbito. Ademais, o Comité galego definiu a súa postura en contra do Tratamento Ambulatorio Involuntario.

Un dos temas que máis tempo ocupou na reunión do Comité galego foi a reforma do Código Penal. Os membros recordaron as consecuencias enormemente negativas que ten esta proposta de lei en materia de saúde mental, como a tipificación do colectivo como suxeitos perigosos, as condenas prorrogables ou a vixilancia policial en prisión. Tras un longo debate, deixaron clara a súa postura de loitar ata o final en contra desta reforma. 

O Comité de Persoas con Enfermidade Mental de Galicia creouse en abril do 2012 para dar voz propia ó colectivo e crear un marco de diálogo e debate. Está composto por representantes de varias asociacións e delegacións pertencentes a FEAFES Galicia. Na súas reunións, os membros do Comité tratan temas que lles afectan coa fin de chegar a acordos concretos, posicionarse ante determinadas situacións e asesorar á Xunta Directiva de FEAFES Galicia.

reunion comite.jpg