Skip to main content
O Comité Galego en Primeira Persoa é un órgano que da voz ás persoas usuarias de FEAFES Galicia e as súas asociacións, conformando un marco para o diálogo e a posta en marcha de accións concretas que permitan avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con problemas de saúde mental.
O novo Comité en Primeira Persoa de FEAFES Galicia foi constituído o 2 de novembro de 2017 en Santiago de Compostela. Conta actualmente con seis membros pertencentes ás delegacións de FEAFES Coruña, Santiago, Lugo e Vigo, ademais de dous representantes das asociacións  Doa e Saúde Mental Ferrol. 
A través de reunións mensuais, o Comité convértese nun espazo de intercambio de información e inquedanzas onde os seus integrantes tratan temas relacionados coa saúde mental que lles afectan e preocúpanlles. Durante os seus primeiros meses de andaina, os membros do Comité estiveron a definir un plan de traballo que concretaron e comezaron a poñer en marcha neste 2018.
Entre as actividades programadas atópase, por exemplo, a creación dun blog no que poderán compartir e difundir experiencias persoais, información de interese sobre temas relacionados coa saúde mental ou outros contidos que consideren de utilidade. Este blog será lanzado publicamente a finais do mes de abril.
Igualmente, o Comité participou durante estes meses en diversas accións formativas nas que os seus integrantes puideron adquirir competencias para exercer como portavoces da entidade en determinados contextos, así como para potenciar e fortalecer a comunicación interna e externa do grupo.
Cabe destacar tamén que o Comité  Galego en Primeira Persoa está representado no Comité Estatal en Primera Persona mediante a participación dunha das súas integrantes, o cal permite que a información flúa a través das persoas usuarias entre os distintos niveis da entidade (confederación, federación e asociacións).
Proximamente, o Comité  Galego en Primeira Persoa presentarase ante a Xunta Directiva de FEAFES Galicia e darase a coñecer nas distintas asociacións e delegacións da federación a través dun díptico informativo elaborado polos seus membros.