Skip to main content

Con motivo do Día Internacional da Muller e co obxectivo de poñer en valor as contribucións femininas á cidade herculina, o Concello da Coruña organizou un acto conmemorativo que leva por nome “Traballadoras”. Nel preténdese visibilizar e significar a mulleres con diversidade funcional que, vencendo grandes dificultades, poñen de manifesto diariamente a súa capacidade e eficacia no posto de traballo que ocupan.

Entre elas atoparanse dúas usuarias de FEAFES Coruña que superaron as barreiras ocasionadas pola enfermidade mental e son actualmente grandes profesionais nos seus postos de traballo, amosando unha gran tenacidade e moita forza para afrontar o seu día a día.

O recoñecemento a estas mulleres consistirá nun acto institucional que, baixo o lema “Traballadoras”, celebrarase o 7 de Marzo no Salón de Plenos do Pazo Municipal. Neste acto, que comezará ás 13:00, faráselles entrega dun diploma conmemorativo.

O Concello da Coruña, en representación da cidadanía coruñesa, quere manifestar o seu recoñecemento a estas mulleres significando nelas a capacidade de superación de moitas mulleres da cidade. Esta capacidade afecta a dous grandes frontes: constata a súa eficacia como profesionais e contribúe a cambiar unha realidade social e empresarial na que seguen a primar estereotipos e prexuízos que dificultan a súa inserción laboral.

muller traballadora coruña.jpg