Skip to main content
Esta mañá, a concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago, Concha Fernández, asinou unha serie de convenios con seis entidades sociais da cidade para apoiar o seu traballo e apostar pola atención aos colectivos en situación de pobreza ou vulnerabilidade. As entidades asinantes foron Aspanaes, o Colexio de Psicoloxía, Proxecto Home, FEAFES Galicia, a Cociña Económica e o Albergue Xoán XXIII.
Deste xeito, FEAFES Galicia recibe, por segundo ano consecutivo, un total de 60.000 euros para o desenvolvemento do programa de atención a persoas sen fogar e en risco de exclusión, o cal conta con pisos de propiedade municipal situados no barrio das Fontiñas. Con este traballo preténdese dar resposta á situación de carencia de necesidades básicas, entre elas a vivenda, pola que atravesan estas persoas e as súas familias en Santiago de Compostela.
O obxectivo do programa é atender as necesidades específicas individuais das persoas con enfermidade mental en grave risco de exclusión social dando resposta ás mesmas, facilitando a atención e os recursos necesarios. A intervención fundaméntase principalmente na intervención directa e na coordinación e derivación aos recursos da comunidade para o tratamento destas patoloxías e a atención das súas necesidades. O fin da proposta é contribuír a mellorar a atención social e sanitaria destas persoas e súa calidade de vida.
No 2016, puxéronse en marcha, ao amparo deste programa, dous pisos de transición nos que se aloxan catro persoas que vivían na rúa. Para cada unha delas, deseñouse un itinerario personalizado de inclusión co obxectivo de favorecer a súa integración e o emprego dos recursos sanitarios e sociais normalizados.