O Servizo de Emprego para persoas con problemas de saúde mental, financiado polo Concello de Lugo, beneficiou a 160 persoas demandantes de emprego ao longo de 2024.
O traballo é un piar fundamental para o desenvolvemento persoal e a consecución dunha vida independente e plena. Pero as persoas con problemas de saúde mental atopan grandes dificultades para acceder ao emprego.
Para eliminar esas barreiras, Saúde Mental FEAFES Galicia leva a cabo o Servizo de Emprego e Formación para persoas con enfermidade mental. Este servizo, que ofrecemos en colaboración co Concello de Lugo, busca mitigar os obstáculos cos que se atopan estas persoas á hora de acceder ao mercado laboral.
Ademais de axudar no seu acceso a un emprego, procuramos tamén que esa inserción sexa duradeira e positiva. Tanto para a persoa traballadora como para a empresa. Para iso facemos un seguimento e un apoio á persoa usuaria durante o proceso.
Tamén ofrecemos talleres formativos que axudan a mellorar as capacidades e habilidades das persoas usuarias, aumentando así as posibilidades de atopar un emprego.
Máis de 90 contratos de traballo firmados
Grazas ao Servizo de Emprego e Formación, financiado polo Concello de Lugo, puidemos facer intermediación laboral coas empresas lucenses, e firmáronse 5 convenios de colaboración.
O número total de insercións durante o 2024 foi de 64, e firmáronse 95 contratos. Ademais, realizouse asesoramento con 160 persoas demandantes de emprego do Concello, melloramos as competencias básicas de 64 persoas e dotamos das habilidades prelaborais necesarias a 40 persoas usuarias.
Coa colaboración de: