Preto de 50 peregrinos, entre os que se atopan persoas con problemas de saúde mental e monitores, realizaron o Camiño de Santiago para chegar hoxe, venres 27 de setembro, a Compostela. Trátase dunha actividade organizada por Saúde Mental FEAFES Galicia que se realiza por décimo ano consecutivo tras a gran aceptación e participación que recibiu nas anteriores edicións.
A viaxe comezou o pasado mércores 25 de setembro en Salceda (O Pino) e culminou hoxe coa chegada á Praza do Obradoiro ao redor das 11:00 da mañá. Posteriormente, ás 13:00 foron recibidos no Salón Nobre do Pazo de Raxoi por Sindo Guinarte, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Relacións Institucionais, nomeadamente Martiño Noriega, Alejandro Brunete e Navia Rivas. Nesta recepción tamén interveu Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia.
Un dos principais obxectivos desta iniciativa, organizada polo Servizo de Lecer e Deporte de Saúde Mental FEAFES Galicia, é mostrar á sociedade unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, loitando así de modo activo contra o estigma social que sofren.
Esta viaxe de tres días tamén permite que as persoas con problemas de saúde mental realicen exercicio físico, socialicen e gocen de actividades colectivas. De feito, ao longo destes días, os 47 participantes puideron coñecer peregrinos de todos os lugares do mundo e intercambiar experiencias con eles, ademais de gozar da natureza.
Os participantes desta décima edición do Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Andaina, Saúde Mental Ferrol, Avelaíña e APEM. Ademais, foron acompañados por un grupo de usuarios dos Clubs de Ocio que ten a federación nas delegacións de Lugo, Vigo e Santiago.