Skip to main content
A través da “Subvención a entidades e asociacións de carácter social sen ánimo de lucro para actividades na área dos Servizos Sociais”, a Concellería de Política Social de Vigo impulsa o “Programa Integral de Información e Atención Sociofamiliar a Familiares, Coidadores e Persoas con Enfermidade Mental 2016” que trata de respostar, dun xeito integral e individualizado, ás necesidades das persoas con problemas de saúde mental e dos seus familiares no termo municipal de Vigo.
Grazas a este programa, no que levamos de ano FEAFES Galicia atendeu a un total de 535 persoas con enfermidade mental e 37 familiares no Concello de Vigo a través dos seus servizos de intervención directa. Indirectamente, beneficiáronse deste programa un total de 749 familiares e/ou coidadores de persoas con enfermidade mental.
O apoio e a atención a persoas con enfermidade mental e familiares que ofrece FEAFES Galicia no Concello de Vigo consiste na facilitación de información sobre recursos, orientación, plans de intervención, apoio en xestións e atención temperá ante o trastorno mental. Pola súa banda, as accións de intervención e atención socio-familiar axudan aos usuarios a facer fronte ás dificultades e necesidades de manexo da enfermidade mental. 
FEAFES Galicia tamén ofrece no Concello de Vigo un servizo de asesoramento xurídico-legal a través do contacto telefónico dos usuarios cos asesores xurídicos da entidade, ou ben a través de citas presenciais programadas para a atención directa na delegación de Vigo. O fomento da autonomía persoal e social a través do emprego é outro dos eidos nos que se traballa, facilitando a inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental a través de accións de información, orientación, formación, intermediación laboral e apoio para o mantemento do posto de traballo.
As accións de socialización e ocio, pola súa banda, lévanse a cabo a través da configuración dun grupo estable e aberto de usuarios que desenvolve as súas actividades cada dúas fins de semana, ademais da organización de estancias de fin de semana na casa de respiro vacacional de FEAFES Galicia.