Skip to main content

A pasada semana, a Comisión de Xustiza do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade unha proposición non de lei que insta ó Goberno a tratar dun xeito xusto, axeitado e non discriminatorio ás persoas con trastorno mental na reforma do Código Penal.

A aprobación deste texto non é directamente vinculante para a modificación do proxecto de lei, polo que o Goberno pode introducir ou non estas emendas ó texto no que resta de trámite parlamentario ata a aprobación da norma. 

Non obstante, trátase dun gran avance no que á defensa dos dereitos das persoas con trastorno mental se refire, pois implica un cambio de intención no Goberno con respecto ó texto da súa proposta inicial de reforma do Código Penal, no que definía ás persoas con enfermidade mental como suxeitos perigosos, permitía prorrogar condenas de forma ilimitada e atentaba contra os dereitos deste colectivo en múltiples aspectos.

Coa proposición non de lei presentada polo PSOE e aprobada a pasada semana na Comisión de Xustiza, o partido da oposición amosou o seu pleno apoio ó colectivo de persoas con trastorno mental e pediu que se teña un tratamento xusto e axeitado con elas, sen discriminación de ningún tipo, dentro da reforma do Código Penal formulada polo Goberno do PP.

Os socialistas recordaron que entidades como FEAFES ou a Asociación Española de Neuropsiquiatría opóñense con rotundidade a calquera vinculación entre trastorno mental e perigosidade por considerar que “esta idea é prexuizosa e estigmatizante”, e apelaron durante a presentación da súa proposta no Congreso á responsabilidade tanto do Goberno de España como do resto de administracións para que garantan ó colectivo “un tratamento integral axeitado, dende o punto de vista social e sanitario, afastado do réxime penitenciario que pretende a reforma do PP”.

Coa votación a favor desta proposta non de lei, FEAFES alcanza un primeiro logro nunha loita que leva desenvolvendo varios meses contra a proposta de reforma do Código Penal formulada polo Goberno. Non obstante, o movemento asociativo seguirá dando a coñecer as súas reivindicacións para que as intencións declaradas polo Goberno a pasada semana na Comisión de Xustiza se convertan en realidade

Podes consultar os 10 motivos de FEAFES para opoñerse á reforma do Código Penal aquí e asinar a petición de Change.org para que o Goberno respecte os dereitos das persoas con enfermidade mental nesta normativa aquí

Congreso de diputados.jpg