Skip to main content

O pasado 20 de Marzo, a sede da asociación Apem na Coruña acolleu a presentación da primeira edición dos Premios Jose Luis Muruzábal que recoñecen experiencias innovadoras en materia de saúde mental nas áreas sociais, laborais e educativas. 

Segundo declarou José Antonio Santiso, presidente do Consorcio As Mariñas que impulsa este premio, “queremos continuar, en certa forma, o traballo iniciado por Muruzábal, apoiando iniciativas que conten cunha traxectoria de ó menos dous anos de experiencia”.

Jose Luis Muruzabal foi presidente da asociación Apem, federada en FEAFES Galicia, dende 1987 ata o seu falecemento o ano pasado. Igualmente, formou parte da Xunta Directiva da Federación durante os últimos anos da súa vida, defendendo sempre os dereitos das persoas con enfermidade mental e buscándolles un futuro digno. Os premios que levan o seu nome queren render homenaxe a quen foi o gran impulsor da mellora na calidade de vida deste colectivo en Galicia.

O premio, que se convocará anualmente, ten unha dotación de 2.000€ e a el poderán presentarse traballos que aporten experiencias innovadoras no ámbito sociolaboral e/ou socioeducativo en persoas con enfermidade mental, os cales deberán ter un percorrido de polo menos dous anos.

O xurado, formado polo presidente do Consorcio As Mariñas e por unha serie de persoal técnico, fará pública a súa decisión no mes de outubro, facendo coincidir a entrega de premios co Día Mundial da Saúde Mental 2014. 

O prazo para a presentación de traballos remata o 31/07/2014 e as bases poden ser consultadas a través da web www.consorcioam.org ou escribindo ó email comunicacion@consorcioam.org.

I premio muruzabal (2).jpg       I premio muruzabal (1).jpg