Skip to main content
Con motivo do Día Internacional da Muller, que se celebrou o 8 de marzo, a Rede Estatal de Mulleres de SALUD MENTAL ESPAÑA denuncia a situación de dobre discriminación que sofren as mulleres con problemas de saúde mental no acceso ao emprego e no ámbito laboral. “Estas circunstancias dificultan a nosa emancipación e autonomía obrigándonos a vivir nunha situación de maior illamento e desprotección”, sinalan no manifesto que a Rede elaborou, e no que se recollen unha serie de reivindicacións que poñen de relevo as desigualdades que padecen en distintos ámbitos.
As persoas con discapacidade perciben ingresos menores que a poboación sen discapacidade e, dentro da discapacidade, tamén as mulleres cobran menos que os homes (un 14% menos), segundo a Fundación CERMI Mulleres. De igual modo, as mulleres con discapacidade teñen menor salario que as que non a teñen. Ademais, á elevada taxa de desemprego entre as persoas con trastorno mental (tan só un 16,9% ten traballo), únense as barreiras engadidas polo feito de ser muller. Por todo iso, a Rede Estatal de Mulleres reivindica “un mercado laboral orientado á conciliación, adaptado á diversidade, non sexista e respectuoso coa saúde mental”.

O ambiente laboral como factor de risco

Pomba Rubio, integrante da Rede Estatal de Mulleres de SALUD MENTAL ESPAÑA, conta que o seu problema de saúde mental “xurdiu a unha idade avanzada, por iso anteriormente traballara. Era un traballo estresante e foi un factor importante para desenvolver a esquizofrenia”. Rubio denuncia que queda moito por facer neste ámbito: “Necesitamos que se nos dea a oportunidade de traballar nun ambiente máis concienciado e con menos presión. E a figura dunha persoa que nos apoie e acompañe na reinserción laboral. Eu pido oportunidade para nós, mulleres válidas coas súas circunstancias, ao igual que cada persoa”.
No caso de Isabel Quintairos, foi a discriminación sufrida na contorna laboral o que provocou o seu problema de saúde mental. Quintairos conta cunha invalidez debido a un problema de saúde mental causado por un despedimento declarado nulo en 2007, tras 17 anos traballando na mesma empresa. “Nunca antes tiven problemas de saúde mental. Ese despedimento, que produciu a primeira sentenza do Estado español declarando a súa nulidade por razóns de orientación política e sexual, terminou coa miña carreira profesional, expuxo a miña vida persoal e esnaquizou as miñas relacións sociais. Foi o claro detonante do meu trastorno mental”, explica.
Sinala ademais a especial vulnerabilidade deste colectivo durante épocas de crise, como a que actualmente vivimos derivada da pandemia. “As mulleres somos as primeiras en pagar as consecuencias dos desaxustes do mercado laboral. Seguimos sendo as eternas coidadoras, seguimos gañando menos e o empresariado segue considerando que o noso salario é complementario na economía doméstica. Se engadimos os problemas de saúde mental, podemos multiplicar o dito cos ataques de angustia, o pánico, a inseguridade, a depresión, e a certeza de que, en caso de despedimento, tócanos. As campañas de educación neste sentido terían que ser continuas, insistentes e, se me apuran, obrigatorias”.

Silencio e estigma na contorna laboral

Vanesa Solaina, tamén pertencente á Rede, recoñece sufrir discriminación por ser muller en traballos como operaria de produción ou condutora de furgoneta. “Temos que demostrar bastante máis a valía para o posto de traballo que o resto”, opina. No seu caso, non compartiu coa súa contorna laboral o feito de ter un trastorno mental. “Só o sabía empresario e o resto de compañeiros non, e na miña man estaba se quería contalo ou non. Como penso que pode ser un motivo dun posible ataque, non o dicía”.
O medo ao rexeitamento e o estigma da contorna son moi comúns e explican esta opción que moitas persoas escollen de non falar do seu problema de saúde mental no traballo. “Para evitar o estigma na contorna laboral, é fundamental unha política inclusiva, que visibilice a saúde mental para que deixe de ser un tabú”, opina Patricia Martínez. Psicóloga de formación, ao terminar a carreira traballou como soldado profesional. “Cando empecei a preparar a oposición para a especialidade de Psicoloxía dentro do exército, sufrín o meu primeiro brote  psicótico. A partir de aí, non me deron a oportunidade de continuar a miña carreira dentro das Forzas Armadas”, relata.
Para Patricia, é fundamental que as empresas impartan unha formación básica sobre saúde mental para todas as persoas traballadoras, cun enfoque positivo, “que poña o acento na necesidade de que todas as persoas necesitamos coidar a nosa saúde mental, independentemente de que teñamos ou non experiencia propia en saúde mental, e para concienciar sobre o feito de que calquera persoa pode manifestar un problema de saúde mental ao longo da súa vida, independentemente das súas características socioculturais”.

Manifesto da Rede Estatal de Mulleres

O Manifesto da Rede Estatal de Mulleres de SALUD MENTAL ESPAÑA, elaborado con motivo do Día Internacional da Muller, acompáñase dunha serie de ilustracións que reflicten de maneira visual cada unha das reivindicacións que o documento recolle, ademais dun vídeo explicativo que reúne todas as demandas e que pode verse na canle de Youtube da Confederación. O obxectivo destes materiais audiovisuais é dar visibilidade ás reivindicacións da Rede nas redes sociais, a través do hashtag #MujeresRedSaludMental.
Entre os aspectos que as mulleres integrantes da Rede Estatal reivindican no manifesto, atópase a creación de servizos públicos de información, orientación e acompañamento con perspectiva de xénero acerca da maternidade e, no seu caso, planificación familiar que apoie no proceso da toma de decisións en condicións de igualdade e liberdade. Pídese ademais establecer mecanismos de acollida e reagrupamento familiar en situacións de crises e/ou violencia.
A Rede Estatal de Mulleres tamén reivindica a consolidación profesional da figura da asistencia persoal experta en xénero e saúde mental, garantir os dereitos sexuais e reprodutivos, e que o acceso á xustiza sexa igual para todas as mulleres.
A Rede Estatal de Mulleres SALUD MENTAL ESPAÑA xorde, impulsada desde a Confederación, como plataforma de actuación das mulleres con experiencia en primeira persoa en saúde mental, para expresar as súas reivindicacións e traballar por elas. Integrada por 25 mulleres, representantes das entidades de todos os territorios pertencentes ao movemento asociativo da Confederación, a Rede naceu a mediados de 2018 despois de varios talleres e un intenso traballo de recompilación, posta en común e consenso ao redor da información, as experiencias e as necesidades compartidas por todas as participantes.