O 10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS). Este ano, o tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración é o suicidio, considerado pola OMS como un dos problemas máis graves de saúde pública que debe ser atendido de forma prioritaria.
A este propósito, baixo o lema “Conect@ coa vida”, numerosas asociacións de familiares e persoas con problemas de saúde mental de Galicia levarán a cabo diversas accións para chamar a atención sobre esta realidade e incidir na necesidade de traballar na visibilización e na prevención do suicidio.
Así mesmo, no marco desta campaña, ven de presentarse conectacoavidagalicia.org, unha web que aporta información sobre o suicidio e facilita consellos para a súa abordaxe: datos, mitos e falsas crenzas, o papel dos medios de comunicación, factores de risco e de protección, sinais de alerta, lugares aos que acudir, recursos de utilidade, etc.
Pola súa parte, a difusión en redes sociais farase a través do hagstag #conectaconlavida, animando aos internautas a compartir fotografías nas que se dean unha aperta como xesto de conexión coas persoas e, polo tanto, coa vida.
O suicidio, unha realidade silenciada
A Organización Mundial da Saúde (OMS), identifica o suicidio e os seus intentos como un dos problemas máis graves de saúde pública que poden afectar ás persoas, e por iso recomenda que sexa atendido de forma prioritaria.
No mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos, e en España é a principal causa externa de mortalidade. Galicia, lamentablemente, está no máis alto da clasificación de suicidios a nivel estatal. No ano 2017 morreron por esta causa 323 persoas en Galicia, sendo a segunda comunidade con maior taxa de suicidio en termos relativos cunha cifra de 11,95 suicidios por cada 100.000 habitantes. Na cabeza sitúase Asturias, cunha taxa do 12,95.
Se ben no 2018 Galicia rexistrou a súa cifra máis baixa en número de suicidios desde o 2012 (288 casos, dos cales o 70% foron homes e o 30% mulleres), estas seguen a ser cifras moi elevadas, convertendo ao suicidio nun problema sanitario e social moi significativo na nosa comunidade.
A prevención do suicidio comprende unha serie de actividades que van dende a educación na infancia e na mocidade ata o tratamento eficaz dos trastornos mentais, pasando por un control ambiental dos factores de risco e unha difusión apropiada da información. O papel dos medios de comunicación é clave para concienciar á poboación sobre este problema de saúde pública e iniciar a súa prevención, pois o trato responsable da información sobre o suicidio axuda a reducir a súa incidencia.
Por outra banda, é necesario que as institucións e os gobernos prioricen o suicidio como problema de saúde pública e desenvolvan estratexias integrais multisectoriais de prevención. En Galicia contamos cun Plan de Prevención do Suicidio que establece mecanismos de coordinación para que diferentes organismos traballen conxuntamente na prevención, manexo, intervención e acompañamento das persoas e familias que están nesta situación. Este plan debe ser implementado dun xeito real, efectivo e firme para dar unha resposta axeitada ás necesidades que require esta problemática.
Máis información en conectacoavidagalicia.org