O vindeiro 17 de outubro conmemórase o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, unha efeméride pola cal se inaugura unha exposición fotográfica no Parlamento Galego. A estrea desta mostra celébrase o luns 14 ás 17 horas, nun acto no que se dará lectura a un manifesto da Rede Galega de loita contra a Pobreza (EAPN), a Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento e Cermi Galicia.
No acto tamén participará a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, dado que esta institución aprobou por unanimidade en 2010 unha declaración institucional a prol da erradicación da pobreza.
No Ano Europeo da Cidadanía, 662.515 galegos e galegas atopábanse a comezos do 2012 en risco de pobreza ou exclusión social, o 23% de toda a poboación. Máis de 1000 millóns de persoas seguen a vivir no mundo na pobreza extrema. Unha elevada proporción destas persoas terán algunha discapacidade, especialmente de seren mulleres, cunha taxa de pobreza extrema que triplica ao do resto da poboación, e un 40% mais alta que a dos homes con discapacidade, o doble se son maiores de 60 anos.