O pasado xoves 26 de novembro, FEAFES Galicia celebrou as VII Xornadas de Saúde Mental e Emprego baixo o lema “Definindo modelos cara a inclusión laboral”. Neste encontro, que tivo lugar no Museo Verbum de Vigo, diversos expertos de Galicia e doutros lugares de España intercambiaron experiencias sobre a inserción laboral de persoas con enfermidade mental.
As xornadas foron inauguradas polo presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, que estivo acompañado de Mª Ángeles Marra, Concelleira de Transportes e Proxectos Estatais Europeos do Concello de Vigo, e de José Luís Álvarez de Janssen.
A continuación, presentouse un proxecto empresarial de integración laboral a través da experiencia da empresa de economía social Apunts de Barcelona, no que interviñeron Julio Castillo, director xerente de Apunts, e Inmaculada Pinar, codirectora e directora técnica da Fundación Joia.
Tras o descanso de media mañá, presentáronse outras experiencias de integración laboral baseadas en iniciativas empresariais innovadoras e de aposta polos Centros Especiais de Emprego. Nesta ponencia interviñeron Juan Andonegui, director de Recursos Humanos de Freshcut S.L., e Manuel Rivas, xerente de Ilunion Servizos Industriais.
As experiencias en primeira persoa viñeron da man de Marisol Vázquez e o seu preparador laboral Félix Alonso, que falaron do emprego con apoio e presentaron un fragmento do documental #Di_capacitados protagonizado por esta traballadora. Vanesa Fernández, pola súa banda, falou do proxecto EcaTIC; mentres Rafael Álvarez, xerente de Avelaíña, e
Pablo Míguez, traballador no Concello de A Guarda e usuario de Avelaíña,
comentaron o traballo de intermediación laboral que se realiza nesta asociación
e o caso personal de inserción de Pablo.
Pablo Míguez, traballador no Concello de A Guarda e usuario de Avelaíña,
comentaron o traballo de intermediación laboral que se realiza nesta asociación
e o caso personal de inserción de Pablo.
Xa pola tarde, María del Carmen Álvarez e Carmen Varela Trigo presentaron o traballo que se realiza no Centro Ocupacional da asociación Lenda, mentres que o Doutor Ramón Ramos, psiquiatra do Sergas, falou do tratamento asertivo comunitario e a importancia da atención integral así como da continuidade nos coidados das persoas con enfermidade mental.
O encontro foi clausurado coas palabras do presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, e o Director Xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes. Este último sinalou o seu apoio ao Servizo de Emprego de FEAFES Galicia, cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar e polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo de Galicia 2014-2020.
Dende o 2002, este servizo funciona como centro colaborador do Servizo Público de Emprego, onde o persoal técnico realiza actividades de información, orientación e prospección laboral dirixidas a demandantes de emprego cunha discapacidade por enfermidade mental. Cabe resaltar tamén o compromiso da Consellería co programa de Emprego con Apoio e todas aquelas accións dirixidas a mellorar a calidade de vida do noso colectivo e as súas familias.
A nota final das VII Xornadas de Saúde Mental e Emprego veu da man do grupo “Os mércores musicais” da asociación Lenda, que interpretaron varias cancións en directo para dar por rematado este encontro.