Skip to main content
O Palacio Municipal dos Deportes de Lugo acolleu, o pasado domingo 4 de novembro ás 12h, a presentación oficial da Escola do Lugo Sala e os 18 equipos que a compoñen. Para iso, os máis de 200 xogadores e xogadoras desfilaron polo pavillón para facerse despois as fotos oficiais da tempada. 
Neste acto tamén houbo un espazo reservado para Saúde Mental FEAFES Galicia, puidendo desfilar os xogadores do equipo de FEAFES Lugo e poñendo en valor a colaboración que o club ven desenvolvendo coa nosa entidade. Ademais, Saúde Mental FEAFES Galicia contou cun stand informativo durante o transcurso do evento.
A través da colaboración que manteñen Saúde Mental FEAFES Galicia e o Lugo Sala, realízanse diversas accións conxuntas que repercuten na mellora da integración social e a forma física das persoas con problemas de saúde mental a través da práctica de fútbol sala.
Durante os anos que levamos traballando xuntos, fortaleceuse a comunicación e a coordinación operativa entre o Lugo Sala e a delegación lucense de Saúde Mental FEAFES Galicia, impulsando a xestión conxunta de propostas e accións de promoción do deporte entre as persoas con problemas de saúde mental.
Así, compartimos recursos materiais, profesionais e voluntariado para enriquecernos mutuamente, promovendo calquera tipo de actividade que sirva para favorecer os obxectivos sociais perseguidos por ambas entidades. Destaca especialmente a colaboración nos adestramentos do equipo de balompé de FEAFES Lugo ao longo da temporada deportiva.