Skip to main content
O Programa de Inclusión Social: Atención Integral a Persoas con Discapacidade por mor de Enfermidade Mental trata de dar resposta á situación pola que atravesan as persoas con enfermidade mental en Galicia, atendendo as súas necesidades e demandas específicas individuais e facilitando o apoio e acompañamento social necesario para a súa correcta inclusión e reinserción sociolaboral.
Está cofinanciado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, sendo unha actuación enmarcada dentro do Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER ou FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”. O programa consta de dous accións específicas:

Itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ao emprego (servizo de apoio á inclusión sociolaboral):

Trátase da posta en marcha dun sistema de intervención baseado na información, asesoramento, acompañamento, formación e orientación laboral de persoas con discapacidade, demandantes de emprego e en situación de especial vulnerabilidade ou risco social, co obxecto de favorecer a súa integración sociolaboral a través da execución de itinerarios personalizados de inclusión. Dentro desta acción desenvolverase un itinerario específico para persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión social. 

Punto formativo de inclusión sociolaboral para persoas con enfermidade mental (servizo de formación adaptada):

Levaranse a cabo unha serie de obradoiros que tratan de potenciar as habilidades e capacidades de persoas con problemas de saúde mental para a súa correcta inclusión e reinserción sociolaboral. O punto formativo inclúe tres cursos que se realizarán, cada un deles, nas cidades de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo: xestión da economía doméstica, alfabetización dixital e igualdade e inclusión social.