O Programa de Inclusión Social: Atención Integral a Persoas con Discapacidade por mor de Enfermidade Mental trata de dar resposta á situación pola que atravesan as persoas con enfermidade mental en Galicia, atendendo as súas necesidades e demandas específicas individuais e facilitando o apoio e acompañamento social necesario para a súa correcta inclusión e reinserción sociolaboral.
Está cofinanciado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, sendo unha actuación enmarcada dentro do Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER ou FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”. O programa consta de catro accións específicas:
1. INCLUSIÓN SOCIOLABORAL CON ACOMPAÑAMENTO PARA PERSOAS CON ENFERMIDADE MENTAL
Consiste en poñer en marcha un sistema de intervención baseado no asesoramento, acompañamento, formación e orientación laboral de persoas con enfermidade mental que sexan demandantes de emprego e estean en situación especial de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. Este programa pretende favorecer a integración sociolaboral destes usuarios mediante o deseño de itinerarios individualizados para cada un deles.
2. INCLUSIÓN SOCIOLABORAL CON ACOMPAÑAMENTO PARA PERSOAS SEN FOGAR OU EN GRAVE RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL CON ENFERMIDADE MENTAL
Trátase de levar a cabo un sistema de intervención baseado na información, acompañamento e orientación sociocomunitaria de persoas con enfermidade mental e sen teito que estean en situación de especial vulnerabilidade ou risco social. O obxectivo deste programa é favorecer a súa calidade de vida e progresiva integración social a través de itinerarios personalizados.
3. INCLUSIÓN SOCIOLABORAL CON ACOMPAÑAMENTO PARA PERSOAS TUTELADAS POLA FUNGA CON ENFERMIDADE MENTAL
Actualmente, o 25% das persoas tuteladas pola Fundación Galega para a Tutela de Adultos (FUNGA) ten como causa única padecer unha enfermidade mental. Este proxecto pretende achegarse e coñecer a realidade do colectivo de persoas tuteladas con enfermidades mentais graves, ofrecer apoio social e acompañamento, facilitar a súa reinserción social e promover un modelo de cooperación e colaboración entre diferentes entidades públicas e privadas co fin de favorecer unha atención integral do colectivo.
4. PUNTO FORMATIVO DE INCLUSIÓN SOCIOLABORAL PARA PERSOAS CON ENFERMIDADE MENTAL
Tendo en conta a situación do mercado laboral e como esta afecta o noso colectivo, consideramos prioritario preparar ao máximo posible aos nosos usuarios no manexo de técnicas e estratexias que faciliten o seu acceso e mantemento no mercado laboral. Por iso, este proxecto pretende ofrecer apoio para que participantes con enfermidade mental poidan acceder a accións formativas transversais e realizar prácticas non laborais co obxectivo de desenvolver habilidades sociolaborais que faciliten a súa inclusión e a mellora das súas competencias persoais e profesionais.