Skip to main content

Sete entidades galegas de acción social, entre elas FEAFES Galicia, renovaron esta mañá o convenio que lles permite seguir desenvolvendo o programa Incorpora durante un ano máis. Incorpora é unha iniciativa de Obra Social “la Caixa” para favorecer a integración laboral das persoas con dificultades de acceso ao traballo.

O Grupo Incorpora Galicia seguirá estando composto pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia); a Fundación Érguete-Integración; a Asociación para a Prevención da Exclusión Social (APES); a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI); Cruz Vermella de Ourense e Lugo; e mais Igaxes3, entidade coordinadora do grupo.

Mediante convenios con empresas e asociacións empresariais, o programa Incorpora facilita o acceso á formación e ao traballo daquelas persoas en risco de exclusión coas que traballan as organizacións integrantes. Os técnicos de inserción laboral ocúpanse de identificar potenciais empresas contratantes, así como de facer un seguimento da formación e un acompañamento laboral de cada persoa beneficiaria.

Pola súa banda, grazas a Incorpora, o empresariado ten a oportunidade de desenvolver accións de responsabilidade social corporativa. Cada empresario ou empresaria pode contar con candidatos que recibiron unha formación adaptada ás necesidades da súa empresa, e atopar no técnico de inserción unha figura de apoio e asesoramento permanente que velará polo bo desenvolvemento da relación laboral.

Máis de 1.650 insercións desde 2006

A iniciativa quere contribuír á sensibilización social e á creación de oportunidades de traballo para persoas con dificultades de inserción: persoas con discapacidades físicas, intelectuais ou sensoriais; persoas con enfermidades mentais; mozos con dificultades para acceder ao seu primeiro traballo; maiores de 45 anos sen experiencia laboral; persoas inmigrantes; desempregados de longa duración; persoas reclusas e ex reclusas; e mulleres que sufriron violencia de xénero.

Sete anos despois da súa posta en marcha, o grupo Incorpora Galicia promoveu a inserción laboral de 1.615 persoas con dificultades especiais para atopar traballo, grazas á vinculación de 1070 empresas galegas. Durante a primeira metade de 2014, adheríronse ao programa 97 novas empresas e lográronse 174 insercións laborais, das cales 30 foron xestionadas por FEAFES Galicia para persoas con enfermidade mental.

Renovacion Incorpora 07-14 (4).JPG     Renovacion Incorpora 07-14 (1).jpg