Skip to main content
O pasado 3 de decembro, un grupo de persoas participantes no programa Posta a Punto para o Emprego participaron nunha charla impartida por Teresa Fernández, responsable de formación do Grupo SIFU, e Eva Fernández, técnica de Saúde Mental FEAFES Galicia, sobre como fomentar as habilidades sociais nunha contorna de traballo.
Neste encontro, que tivo lugar na delegación viguesa de Saúde Mental FEAFES Galicia, as persoas participantes tiveron a oportunidade de reflexionar sobre cales son as habilidades sociais que se precisan nun entorno laboral, os beneficios que pode aportar o seu fomento e algúns consellos ou trucos para melloralas.
O Grupo SIFU é un Centro Especial de Emprego líder na prestación de servizos auxiliares, que proporciona todos aqueles servizos que unha compañía pode externalizar para centrarse na súa actividade principal. Deste xeito, Teresa Fernández tratou de achegar ás persoas participantes o traballo que realiza unha empresa socialmente responsable.
O programa Posta a Punto para o Emprego, no que se enmarca esta acción, é un proxecto financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade que pretende mellorar a empregabilidade de persoas con problemas de saúde mental perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) ou do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Desenvólvese simultaneamente nas 5 delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia e contempla unha serie de actuacións que van desde a fase de información e acollida ata un seguimento posterior á súa finalización.