Skip to main content
Co proxecto “17 partidos, 17 causas” que leva a cabo o Leyma Coruña da man de Obra Social “la Caixa”, chega a cooperación do día 10 de outubro, que estará dedicada a FEAFES Galicia e APEM. A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental en Galicia, entidade sen ánimo de lucro que representa os dereitos e as necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental, será hoxe a protagonista no partido que disputa o primeiro equipo no Palacio dos Deportes de Riazor.
O día non pode ser máis propicio, xa que o 10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, co apoio da OMS (Organización Mundial da Saúde) para dar a coñecer a realidade, reivindicacións e necesidades deste colectivo. Este ano o tema elixido é a saúde mental no lugar de traballo.
Durante o transcurso do partido, FEAFES Galicia contará cunha mesa informativa na entrada do complexo deportivo para que calquera asistente ao partido poida coñecer mellor o traballo que realiza a entidade e que son os problemas de saúde mental. Ademais, durante o descanso do encontro, farase entrega dun obsequio á entidade por parte do club, en recoñecemento á colaboración que existe entre ambas as partes.
Pero ademais mañá, 11 de outubro, dous xogadores do Leyma Coruña, Dmitry Flis e Jorge Sanz, visitarán, xunto ao preparador físico Gustavo Gago, as instalacións da asociación APEM para coñecer de primeira man o traballo que se realiza na entidade e compartir un momento cos seus usuarios.
Desde o Leyma Coruña, e sempre da man da Obra Social “la Caixa”, queren facer de novo énfase na necesidade de dar visibilidade a entidades como FEAFES Galicia e APEM, de carácter social, cuxo obxectivo principal é a creación e adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental, así como dos seus familiares.