Hoxe, 18 de novembro, tivo lugar a sinatura dun convenio de colaboración entre FEAFES Galicia e o Lugo Sala para favorecer a realización de accións conxuntas que repercutan na mellora da integración social e a forma física das persoas con enfermidade mental a través da práctica de fútbol sala.
O acto tivo lugar ás 11:30 nas instalacións de FEAFES Galicia en Lugo, sitas na Ronda de Fingoi nº 109 baixo, e nel interviron Manuel Fernández Prado, vicepresidente de FEAFES Galicia, e Marcos Pereira Crende, presidente do Lugo Sala.
Este acordo de colaboración ten como obxectivo fortalecer a comunicación e coordinación operativa entre o Lugo Sala e os seus recursos coa delegación de FEAFES Galicia en dita cidade, impulsando a xestión conxunta de propostas e accións de promoción do deporte entre as persoas con problemas de saúde mental.
Para iso, ambas entidades compartirán recursos materiais, profesionais e voluntariado para enriquecerse mutuamente, favorecendo tamén calquera outra actividade de análoga natureza que, previo acordo das partes, sirva para favorecer os obxectivos sociais perseguidos por ambas entidades.
Cabe destacar que o Lugo Sala xa ven colaborando con FEAFES Galicia dende o inicio dos adestramentos do seu equipo de balompé en setembro. Ademais, no acto de hoxe, o club regalou unhas camisetas aos xogadores de FEAFES Lugo para utilizar nos adestramentos.
A Asociación Deportiva Cultural Lugo Sala está formada, na súa Xunta Directiva e no seu cadro técnico, por persoas cun pasado ligado totalmente a diversos clubs de ámbito local e provincial neste deporte. Fundada no 2014, conta con adestradores titulados que aproveitaron a súa experiencia para formar unha entidade deportiva que traballa coa base, dende a categoría biberón a xuvenil.