Daniel é unha das 64 persoas que participa no Programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica, sen fogar ou en risco de exclusión que Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolve en Santiago de Compostela.
As persoas que viven na rúa son propensas a ter un problema de saúde mental. As que chegan a esa situación sen ter unha problemática psíquica teñen moitas posibilidades de ver deteriorada a súa saúde mental, e as que xa tiñan algún problema desta índole, pódeno ver agravado.
Este é o caso de Daniel (nome ficticio). Ten 54 anos e un problema de saúde mental que tardaron en diagnosticarlle. Tras quedar sen emprego e despois dun problema familiar, rematou nunha situación de exclusión social.
Cando coñecemos a Daniel, vivía nunha casa sen auga nin luz. “Pensaba que alí se acababa todo”, coméntanos, “pero aguantei”. En novembro do ano pasado, Daniel comezou a residir no piso de transición que xestionamos en Santiago de Compostela, grazas ao Concello, no marco do “Programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica, sen fogar ou en risco de exclusión”.
“Durmir nunha cama, ter unha ducha, poder facer un café… Parece pouco, pero cámbiao todo”
Pasar dunha situación de exclusión social a unha de inclusión non é sinxelo, e require dun largo período de tempo. Daniel asegura que “máis que non ter cartos ou durmir entre escombros, o máis duro foi soidade”. Perdeu o traballo e o contacto coa súa familia. “Ao principio pensas que vas remontar, pero pasa un mes, logo outro… e cando te das conta, levas anos sobrevivindo como podes”, relata.

Ademais, Daniel afrontaba un problema de saúde mental que non estaba sendo atendido. “Ás veces non podía nin levantarme. Víñanme pensamentos negativos que non podía controlar.” A finais do ano pasado recibiu un diagnóstico, recetáronlle un tratamento e comezou a mellorar.
Ao mesmo tempo, entrou a vivir no piso de transición. Recoñece que aquí está tranquilo e iso xa é moito. “Temos unhas normas, unhas rutinas e non hai problemas de convivencia.”
A xestión destes pisos é parte do noso “Programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica, sen fogar ou en risco de exclusión”, financiado polo Concello de Santiago. O ano pasado atendemos a 64 persoas das cales 7 pasaron polos pisos de transición.
Con este programa buscamos favorecer a integración e a vinculación deste colectivo aos recursos normalizados, poñendo en marcha as accións e servizos oportunos axustados ás súas necesidades básicas. Para alcanzar este obxectivo, procuramos establecer unha rede de coordinación dos recursos sanitarios e sociais necesarios para a intervención con cada persoa participante.
“Non quero luxos. Quero ter algo meu”
No “Programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica, sen fogar ou en risco de exclusión”, valoramos as necesidades de cada persoa usuaria para ofrecerlles a atención e os recursos que precisan.
“Aquí axúdannos cos papeis, coas citas e a organizarnos”, explícanos Daniel. “Agora cobro a RISGA e solicitei o ingreso mínimo vital. Non quero luxos, espero poder conseguir un sitio onde vivir tranquilo, coas miñas cousas, sen depender de ninguén. Quero ter algo meu.”
Cando Daniel entrou no programa, recibiu unha avaliación inicial grazas á que se estableceu o itinerario a seguir e derivóuselle ao servizo que precisaba. Ademais da vivenda de transición na que el estivo, tamén ofrecemos servizos de información e orientación, asesoría xurídica, ocio, emprego, etc. Os itinerarios e plans de traballo que se crean establécense de forma consensuada entre o equipo de traballadoras e traballadores e as persoas usuarias.
Ademais, dentro do “Programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica, sen fogar ou en risco de exclusión”, apoiamos ó equipo que traballa na rúa e nos pisos de transición na detección de persoas que, como Daniel, presentan síntomas de enfermidade mental e non teñen un diagnóstico ou non teñen un tratamento. Procuramos establecer unha relación sólida entre a persoa e os recursos sanitarios que precisa. Así como tamén prestamos apoio cando se producen situacións de crise, asesoramos ós equipos cos que traballamos en rede e apoiamos ás persoas usuarias que residen nos pisos de transición para que poidan cumprir cos obxectivos marcados no seu itinerario personalizado de inclusión.

Tamén buscamos que as persoas usuarias poidan recuperar ou reforzar o vínculo coas súas familias e persoas achegadas. Daniel cóntanos que retomou o contacto coa súa familia: “Mesmo fun á voda da miña filla!”, detalla. “Sentinme moi contento por ela e por min, por poder estar coa miña filla de novo. Alégrame ter recuperado o contacto tamén con miña nai e a miña irmá.”
Todas estas accións realizámolas en coordinación coas entidades implicadas na atención de cada persoa, como son outras entidades, servizos sociais, EVO, FUNGA, organismos de saúde e de saúde mental, administración pública etc. Para crear unha rede sólida que permita ás persoas con problemas de saúde mental en grave risco de exclusión mellorar a súa calidade de vida.
Daniel bota a vista atrás e cústalle crer como era a súa vida: “Dáme pena ter estado tan mal e tan só”. Tamén afirma que calquera se pode ver na mesma situación: “Non fai falta facer nada malo. Unha enfermidade ou un despido e todo se perde.” Engade ademais que deberiamos ser máis comprensivos e non fomentar os prexuízos contra as persoas en risco de exclusión: “Non podemos xulgar á ninguén, cada quen ten os seus problemas. Pero pedir axuda, cando o precisas, é importante.”
Coa colaboración de:

