“O mellor investimento, a túa saúde mental” é o lema escollido pola Confederación para celebrar o Día Mundial da Saúde Mental 2012. Dende esta organización piden e animan a todas as entidades membro a que se adhiran a este lema e o utilicen nos seus materiais, accións e iniciativas para conseguir unha imaxe cohesionada e fortalecida do movemento asociativo de persoas con enfermidade mental e familiares.
Un lema directo, que invita a pasar á acción, a falar sobre a situación socioeconómica actual, a recapacitar entorno aos recursos dispoñibles cos que se atenden ás persoas con enfermidade mental e os seus familiares e a poñer o acento sobre a necesaria prevención e promoción da saúde mental. Así é como entenden dende FEAFES a mensaxe coa que se chamará a atención á sociedade e se traballará pola mellora da atención e a calidade de vida do colectivo que representa.
Pola súa banda, a Federación Mundial para a Saúde Mental (WFMH) mobilizará as institucións e axentes sociais, sanitarios e económicos de nivel mundial co lema “Depression: A global crise” (“Depresión: Unha crise global”) e informou á Confederación de que ao longo do mes de xullo espera ofrecer os materiais e publicacións que tradicionalmente edita con motivo do Día Mundial e que serán puntualmente remitidos por FEAFES ás súas case 300 entidades membro.