Skip to main content
Dende o pasado mes de xullo, e durante os 6 vindeiros meses, dúas persoas usuarias do Servizo de Emprego e Formación de Saúde Mental FEAFES Galicia están a realizar prácticas laborais no posto de ordenanza do Museo Provincial de Lugo.
 
A Rede Museística de Lugo trata de fomentar que os museos sexan un espazo xerador de desenvolvemento comunitario, que melloren o acceso á cultura e que estean abertos á sociedade. Deste xeito, tamén fomentan a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía, favorecendo a inclusión real a través da participación, eliminando o estigma que sofren as persoas con discapacidade e promovendo unha percepción positiva das mesmas.
Este ano, a pesar da situación de alerta sanitaria que estamos a atravesar, as prácticas estanse a desenvolver con normalidade, adaptando as actividades da rede museística aos protocolos de seguridade establecidos. Isto non impediu levar a cabo un gran número de iniciativas, como o proxecto 113+ que está en marcha actualmente e que pretende visibilizar a diversidade de nacionalidades que conviven en Lugo a través de debates, exposición de fotografías, obradoiros e outras actividades lúdicas.
Esta colaboración para a realización de prácticas laborais na Rede Museística de Lugo por parte de persoas con problemas de saúde mental leva realizándose dende o ano 2014, contando tamén coa colaboración da Deputación de Lugo. Durante este tempo, xa pasaron polo Museo Provincial 12 persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia, todas elas cun alto grao de satisfacción.
Prácticas laborais coma estas permiten ás persoas con problemas de saúde mental potenciar o seu desenvolvemento profesional dende unha perspectiva eminentemente práctica, ademais de fomentar unha imaxe normalizada do colectivo. A través destas prácticas, as persoas adquiren coñecemento e familiaridade co mundo laboral, consolidan as súas aprendizaxes teóricas, adquiren hábitos laborais e reforzan as súas habilidades interpersoais.