Skip to main content
O Partido Popular de Ferrol está a manter distintas reunións con entidades sociais, culturais, veciñais e deportivas da localidade. Neste marco, a portavoz do Grupo Municipal do PP,  Martina Aneiros Barros, acompañada pola concelleira Rosa Martínez Beceiro, visitou as instalacións de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.
“Temos que destacar o importante traballo social, formativo e de rehabilitación que realizan os dous centros de rehabilitación psicosocial e laboral de Saúde Mental Ferrol coas persoas que teñen algún tipo de enfermidade mental, desde hai máis de dúas décadas”. O obxectivo é conseguir a súa autonomía e integración social, e un dos puntos craves neste proceso son os pisos protexidos onde conviven trece usuarios.
Na actualidade, esta entidade conta con 65 usuarios con idades comprendidas entre os 26 e os 65 anos, dos cales o 50% pertencen ao municipio de Ferrol. En Galicia, pola súa banda, hai máis de 55.000 persoas con problemas de saúde mental, sendo a provincia da Coruña a segunda na que se rexistra o maior número de pacientes. De aí a necesidade de redobrar esforzos na recuperación destas persoas.
O presidente de Saúde Mental Ferrol, Félix Pena, insistiu na “necesidade de levar a cabo un traballo multidisciplinar, en rede e coordinado coas distintas administracións e entidades do ámbito sociosanitario para optimizar recursos e avaliar os servizos que prestan ambas as partes para evitar duplicidades nos mesmos, e cubrir as novas carencias”. A medio prazo avanzou que “un dos obxectivos é contar cunha unidade residencial de ámbito rexional na zona de Ferrolterra para dar cobertura a todas as necesidades relacionadas coas enfermidades mentais”.
A directora de Saúde Mental Ferrol, Divina Amenedo, insistiu en que “a nosa misión é mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e a das súas familias, a través dos nosos dous centros de rehabilitación e de actividades que promovan a saúde e o benestar social do usuario”. 
Pola súa banda, a portavoz do PP de Ferrol, Martina Aneiros, avanzou que “o PP seguirá apoiando a Saúde Mental Ferrol na mellora da calidade de vida das persoas con trastorno metal e as súas familias e na defensa dos seus dereitos”.