Skip to main content
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou que nos próximos meses se elaborará o Plan Estratéxico Galego de Saúde Mental 2017-2020, un documento que estruturará as actuacións dos profesionais e permitirá organizar os recursos de xeito eficiente.
Este texto centrarase en colectivos específicos de persoas e problemas e recollerá liñas como a implantación dun proceso asistencial integrado en depresión, o fomento da atención na comunidade do trastorno mental severo, o enriquecemento dos programas de rehabilitación psiquiátrica e a mellora da atención psicolóxica a colectivos con discapacidade.
No Pleno do Parlamento, o conselleiro avogou por que este plan sexa o resultado do esforzo colaborativo dun numeroso grupo de profesionais do ámbito da saúde, pacientes e outros axentes sociais e implicados, entre eles FEAFES Galicia, e destacou a dotación de recursos para a atención á enfermidade mental en idades extremas da vida, atendendo á patoloxía infantoxuvenil e psicoxeriátrica de xeito que cada Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) conte con recursos específicos. 
Vázquez Almuiña salientou así mesmo que o Sergas está a traballar dende o pasado mes de xullo na elaboración do Plan de prevención do suicidio de Galicia. Para isto formouse un grupo de traballo con expertos pertencentes a diferentes ámbitos da sociedade, co obxecto de fomentar a sensibilización social sobre esta problemática e facilitar a coordinación entre os diferentes sectores e axentes implicados na súa prevención.
O seu proceso de elaboración atópase en fase final de consenso das liñas e medidas estratéxicas, e xa se teñen iniciado as propostas de traballo para a elaboración dos procesos asistenciais e as accións necesarias para a súa implantación. O texto contempla, entre outras medidas, a creación dunha comisión interinstitucional de coordinación para a prevención e atención ás condutas suicidas que garanta un seguimento e unha avaliación continua. 
Ademais, dende a Consellería de Sanidade estase a avanzar cun grupo de profesionais do Sergas na elaboración dun procedemento que permita a detección entre os pacientes hospitalizados de casos en risco de suicidio e dun plan de coidados individualizado por parte da enfermería.
Información vía Xunta de Galicia.