Skip to main content

As instalacións de Always TM (Estrada de Redondela, 42) foi, este venres, escenario do XII Campionato de Tenis de Mesa para as persoas con problemas de saúde mental. Un encontro lúdico e deportivo no que participaron seis asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma.

O torneo comezou ás 10h e rematou ás 14h aproximadamente. Durante este tempo, desenvolvéronse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontaron 42 participantes. Tras a celebración do campionato procedeuse a entrega de premios e, posteriormente, celebrouse un xantar de convivencia.

As persoas participantes do torneo proveñen de distintos puntos da xeografía galega e pertencen a seis asociacións e delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia: Saúde Mental FEAFES Galicia (Vigo), Saúde Mental Ferrol (Narón), Andaina (Dodro e Ordes), Lenda (Redondela), Avelaíña(A Guarda, Baiona, Ponteareas) e Doa (Vigo e Cangas).

O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, Saúde Mental FEAFES Galicia amosa á sociedade unha imaxe
normalizada da saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.

As actividades de ocio e deportes que organiza Saúde Mental FEAFES Galicia axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois as persoas participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan
e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias na súa tarefa de coidados.