O presidente de Feafes Galicia, Xosé Ramón Girón, participou este sábado, 28 de abril, nas xornadas ‘A Discapacidade Hoxe’, en Ordes. Na súa intervención, fixo un repaso á historia do movemento asociativo e salientou a importancia das actividades realizadas por estes colectivos, que axudan ás persoas con enfermidade mental a recuperar habilidades e prestan un amplo abano de servizos.
Ademais, Girón denunciou o estigma que sofren as persoas con enfermidade mental á vez que alertou da falta de recursos e como a crise está a agudizar esta situación.
As xornadas ‘A Discapacidade Hoxe’, organizadas polo concello de Ordes, comezaron as 10 horas coa inauguración por parte do alcalde de Ordes, Manuel Regos Boquete, e a concelleira de Diversidade Funcional, Lucía Iglesias Mirás. A continuación, falou o presidente da FAXPG, Feliciano Sola Limia; a delegada presidenta da ONCE en Galicia, Loli Venancio; o presidente de Cogami, Anxo Queiruga; e o presidente de Fademga, Eladio Fernández Pérez.
Tras unha pausa para a comida, as intervencións retomaronse pola tarde a partir das 16 horas. En primeiro lugar, falou un representante de Adiscordes e outra de Asem, seguidos do presidente de Feafes Galicia, Xosé Ramón Girón. Despois, foi o turno do presidente de Down Compostela, Juan Jesús Martínez; e do vicepresidente da Federación de Autismo, Cipriano Luis Jiménez.