O presidente de Feafes Galicia, Xosé Ramón Girón, responde ás dúbidas sobre saúde mental nun foro online organizado pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns con motivo do Día Mundial da Saúde Mental.
O encontro cibernético celébrase o martes, 9 de outubro de 2012, a partir das 18.00 horas, ata ás 20 horas. Ademais do presidente de Feafes Galicia, participa María Tajes Alonso, psiquiatra do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela. A conversa pódese seguir na web www.sergas.es/escolasaude, no apartado “Foro: O Experto Responde”.
Os obxectivos do foro son facilitar á cidadanía en xeral acceso á información sobre as distintas enfermidades mentais, así como aclarar dúbidas aos coidadores, pacientes e cidadanía en xeral sobre o manexo da enfermidade mental.
Así, tanto Girón como Tajes explicarán que é a enfermidade mental, como se diagnostica e cal é o seu tratamento e prevención. Ademais, falarán das necesidades da persoa con enfermidade mental na súa integración social.