Skip to main content

Foron 48 as persoas participantes, pero o primeiro premio tan só podía ser para un deles. E quen o gañou, non sen mérito, foi Nicolás Rey, usuario da asociación Porta Nova de Narón, que se enfrontou a Jose Luís Melón, da asociación Doa, nun emocionante partido final. Ambos compartiron podio con Javier Cazón, tamén de Porta Nova, que ocupou o terceiro posto na clasificación

Non quedaron sen trofeo o 3º, 4º e 5º clasificados, que tamén marcharon á casa coa estatuilla elaborada polos usuarios da asociación Doa nos seus obradoiros de cerámica. Os galardoados neste caso foron Martín González da asociación Morea, Constantino Frieiro da asociación Lar e Manuel Moreira da asociación Apem. Xunto a eles, o resto dos participantes recibiron unha medalla pola súa participación e deportividade neste torneo.

O II Campionato de Pingpong organizado por FEAFES Galicia e a asociación Doa tivo lugar o pasado venres 12 de setembro no Pavillón de Romarigo, en Cangas. Nel concentráronse case medio centenar de xogadores e outros tantos acompañantes procedentes de sete asociacións membro de FEAFES Galicia: Andaina (Oroso, Dodro), Apem (Cee, Vimianzo), Avelaíña (A Guarda, Gondomar), Doa (Vigo, Cangas), Lar (Vilagarcía de Arousa), Morea (O Barco de Valdeorras) e Porta Nova (Narón).

A xornada transcorreu cun ambiente inmellorable dende as 10:00 da mañá, hora á que comezaron a chegar os primeiros participantes. Media hora despois daban comezo os partidos individuais que se xogaban simultaneamente en 12 mesas dispostas para a ocasión. Preto das 14:00, proclamábase campión o naronés Nicolás Rey, non sen antes vivir unha final e unhas semifinais de indubidable tensión e emoción.

O tempo impediu ós xogadores e ós seus acompañantes gozar dun picnic que tiñan previsto facer na praia de Liméns, pero iso non foi motivo para que todos os participantes marchasen á casa sen ter disfrutado do deporte, do ambiente e da boa compañía. Cabe destacar tamén a colaboración do Concello de Cangas, a Fundación Cangas Deporte, o Club Cinania Tenis de Mesa e Froiz que nos prestaron a súa axuda desinteresada para a realización deste torneo.

Vémonos o ano que ven!

cronica campionato pingpong (1).JPG          cronica campionato pingpong (2).JPG