Skip to main content
O Pavillón Municipal Casa do Deporte de Lugo foi, o pasado venres, escenario do IV Campionato de Pingpong pola saúde mental organizado pola asociación Alume e FEAFES Galicia. Tratouse dun encontro lúdico e deportivo no que participaron oito entidades de saúde mental procedentes de toda a comunidade autónoma.
Un total de 41 usuarios das asociacións Alba (Pontevedra), Alume (Lugo), Andaina (Ordes e Dodro), Avelaíña (A Guardia e Baiona), Doa (Cangas e Vigo), Morea (O Barco de Valdeorras), Portanova (Narón) e a federación FEAFES (Santiago) trasladáronse ata Lugo para gozar desta xornada. A eles sumáronse outros tantos acompañantes que disfrutaron do evento dende as gradas.
O torneo comezou ás 10:00 da mañá e foi arredor das 13:30 canso se proclamou campión o lucense Marcos Prado, pertencente á asociación anfitrioa, Alume. O seu contrincante no partido final foi Nicolás Rey, da asociación Porta Nova de Narón, que acadou o segundo posto. Tras eles, outro lucense, Jesús, logrou o terceiro posto da clasificación, sendo tamén para a asociación Alume o premio ao mellor equipo.
Na entrega dos trofeos interviñeron a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira; o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández; e o presidente da asociación Alume, Manuel Fernández. Ademais, o primeiro premio foi entregado polo xogador de pingpong Adrián Maside, campión de España Junior de tenis de mesa para persoas con discapacidade no 2013.
A maiores dos trofeos que recibiron os campións, todos os asistentes foron agasallados cunha medalla para premiar a súa participación, e a continuación, celebrouse un xantar de convivencia en Caseta La Barra. 
Na posta en marcha deste campionato cabe destacar especialmente o apoio e a colaboración do Club de Tenis de Mesa Dez Portas, que foi o encargado de arbitrar os partidos e realizar os cruces entre os gañadores, do mesmo xeito que prestaron as súas mesas de pingpong para a celebración deste evento.