Skip to main content
O Club do Mar de San Amaro en A Coruña foi, o pasado venres, escenario do V Campionato de Tenis de Mesa pola saúde mental organizado por FEAFES Galicia. Tratouse dun encontro lúdico e deportivo no que participaron cinco entidades de saúde mental procedentes de toda a comunidade autónoma.
Un total de 30 usuarios das asociacións APEM (A Coruña e Vimianzo), Alume (Lugo), Doa (Cangas e Vigo), AFAES Porta Nova (Narón) e a federación FEAFES (Santiago), trasladáronse ata A Coruña para gozar desta xornada. A eles sumáronse outros tantos  acompañantes que disfrutaron do evento dende as gradas.
O torneo comezou ás 9:30 da mañá e foi arredor das 13:00 cando se proclamou campión o santiagués José Luís Barreiro, pertencente á delegación compostelá de FEAFES Galicia. O seu contrincante no partido final foi José Manuel Abril, da asociación Doa de Vigo, que acadou o segundo posto. Tras eles, outro vigués, Manuel Otero, e o vimiancés Manuel Bernárdez da asociación APEM, lograron os terceIros premios.
Na entrega dos trofeos interviñeron Pablo Canosa, director xeral do Club do Mar de San Amaro; e Enrique Castro, Coordinador de Desenvolvemento Asociativo de FEAFES Galicia. A maiores dos trofeos que recibiron os campións, todos os asistentes foron agasallados cunha medalla para premiar a súa participación, e a continuación, celebrouse un xantar de convivencia no propio Club do Mar de San Amaro.
O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.