Skip to main content

100 persoas con problemas de saúde mental en toda Galicia participaron este ano no programa de Par en Par

Saúde Mental FEAFES Galicia remata un novo ciclo do programa De Par en Par. Este proxecto de inclusión social é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Xuventude.

O programa ofrece unha atención personalizada ás necesidades específicas das persoas con problemas de saúde mental, mellorando as súas competencias básicas para afrontar situacións de crise, implicando ás familias e persoas achegadas no proceso de recuperación ou poñendo en marcha accións grupais para o fomento da súa autonomía e inclusión social.

 

Superamos as expectativas

Un ano máis, duplicamos o número de participantes neste proxecto grazas ao apoio da Consellería de Política Social e Xuventude. Cando o ano pasado foron 55 persoas, este ano contamos cun total de 100 participantes. 58 homes e 42 mulleres de toda Galicia que teñen algún tipo de problema de saúde mental e que se atopan nunha situación de risco de exclusión: mulleres vítimas de violencia de xénero, perosas con dificultades de acceso aos recursos, con carencias nas necesidades básicas, etc.

Estas persoas, residentes de Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra, Coruña e Santiago; reciben atención e asesoramento para abordar as súas necesidades de forma personalizada. No programa de Par en Par, traballamos coas persoas non só na oficina, senón que se lles ofrece apoio presencial en situacións reais como acompañamentos a centros sanitarios, a realización de xestións administrativas ou o apoio en actividades da vida cotiá. Con estas accións buscamos mellorar a súa calidade de vida e facilitar a súa inclusión na comunidade.

Fortalecemos as redes de apoio

Un dos logros a destacar este ano foi a implicación das familias e das figuras de apoio, que representaron o 40%. Este apoio foi fundamental para as persoas participantes, xa que contribúe a mellorar a convivencia e na xestión de situacións complexas.

Na parte formativa, realizamos 22 accións nas que participaron 40 persoas. Estas formacións trataron temas como a xestión emocional, a igualdade de xénero, a ciberseguridade e as competencias dixitais. Adquirir e mellorar estas habilidades permitiu mellorar ao mesmo tempo o benestar das persoas participantes e a súa vinculación na comunidade.

A participación no programa De Par en Par é transformadora, tanto para as persoas usuarias, como para as súas familias e a súa contorna. O programa demostra ser un verdadeiro motor de cambio na mellora da calidade de vida, a autonomía e a inclusión  social destas persoas. Ao longo do proceso, observouse un progreso claro na saúde mental, na integración comunitaria e no desenvolvemento persoal das persoas participantes.

Este tipo de procesos confirman que a atención integral e o apoio emocional son fundamentais para o benestar das persoas con dificultades de saúde mental, promovendo unha sociedade máis inclusiva e solidaria.

O proxecto de Par en Par é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.