Skip to main content
O programa de integración laboral de “la Caixa”, Incorpora, renóvase por décimo cuarto ano consecutivo en Galicia tras a creación, no 2019, de 946 postos de traballo para persoas en situación de vulnerabilidade. Trátase dun proxecto de responsabilidade social que se fixo posible grazas á implicación de 467 empresas e 8 entidades sociais de Galicia.
En total, en 2019 facilitáronse 36.803 postos de traballo en España para persoas en situación de vulnerabilidade a través de Incorpora de “la Caixa”, un 13 % máis que o ano pasado. En Galicia, das 946 insercións realizadas, 545 foron mulleres e 401 homes. Ademais, 262 das insercións foron de persoas con algunha discapacidade e 684 de persoas en risco ou situación de exclusión. En concreto, en Galicia colaboran co programa as entidades COGAMI, Igaxes3, Saúde Mental FEAFES Galicia, Fundación Juan Soñador, Érguete Integración,  PES, Cruz Vermella Lugo e Cruz Vermella Ourense. 
Incorpora ofrece ás empresas un servizo gratuíto de asesoramento e acompañamento en accións de responsabilidade social, neste caso, centradas na integración laboral de persoas en situación de vulnerabilidade, como persoas con discapacidade, mozos en risco de exclusión, vítimas de violencia de xénero, desempregados de longa duración e antigos reclusos, entre outros.
Incorpora ten como obxectivo «que as persoas sexan axentes do seu propio cambio para saír de situacións difíciles», indica o presidente da Fundación Bancaria “la Caixa”, Isidro Fainé. Para iso utilízase o emprego como forma de inserción social, tendendo pontes entre as empresas e as entidades sociais que se dedican á integración laboral co fin de crear un clima de colaboración que redunde en oportunidades para quen máis as necesitan. 
Os participantes contan cunha rede de apoio integral formada por persoal técnico de inserción laboral que realiza un seguimento do proceso de formación da persoa beneficiaria e soluciona os posibles conflitos que poidan xurdir no proceso.