Skip to main content
O Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2019/2020, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, desenvólvese nas cidades de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. O seu obxectivo é mellorar a empregabilidade e aumentar as posibilidades de acceso ao mercado laboral das 100 persoas participantes, tentando que a lo menos o 36% delas logren acceder a un emprego.
Para seguir avanzando nos obxectivos do programa durante a crise sanitaria e a situación de confinamento ocasionadas pola COVID-19, o persoal técnico de Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolveu o seu traballo arredor de tres grandes bloques:

1. SEGUIMENTO TELEMÁTICO  

As persoas con problemas de saúde mental son un colectivo especialmente vulnerable ante a situación de alarma da COVID-19 pola súa dobre condición de saúde: física e mental. A atención a estas persoas neste contexto debe comprender o intento de minimizar, por un lado, a probabilidade de posibles contaxios, e, por outro, atender a súa vulnerabilidade ante situacións de crise, medo e alarma social.
Ademais de realizar un seguimento telefónico para atender as necesidades primarias das persoas usuarias, adaptamos as accións do Programa Integrado de Emprego á nova situación, levando a cabo diversas actuacións telemáticas. Principalmente, empregouse o teléfono, a videochamada, o email e ferramentas como o Webex ou Jitsi. 
Para realizar estas accións, o persoal técnico do programa tivo que adaptarse á situación de cada persoa participante, facilitando o acceso de moitas delas ás novas tecnoloxías ou axudándoas a manexar as ferramentas de comunicación. Igualmente, proporcionóuselles moita información sobre a COVID-19, os seus síntomas e as medidas de seguridade a levar a cabo.

2. ENVÍO DE MATERIAL DE INTERESE

O persoal técnico de Saúde Mental FEAFES Galicia elaborou unha serie de guías con recomendacións para afrontar a pandemia da COVID-19 en diversa áreas, as cales fixo chegar ás persoas participantes no Programa Integrado de Emprego:

3. ACTIVIDADES DE BUSCA ACTIVA DE EMPREGO 

Adaptándonos ás circunstancias derivadas da COVID-19, dende Saúde Mental FEAFES Galicia realizamos diversas actividades para continuar cos itinerarios personalizados de inserción das persoas participantes no Programa Integrado de Emprego, tendo en conta as súas necesidades en cada momento. Semanalmente, o persoal técnico de inserción enviou boletíns de emprego para continuar coa busca activa de emprego, revisando ofertas en boletíns, portais de emprego e mantendo o envío de CVs. 
Por outra banda, tamén se realizaron simulacións de postos de traballo onde os participantes tiveron que elaborar cartas de presentación e presentar as súas candidaturas. Tamén fixemos rolplayings de entrevistas laborais para seguir traballando no desenvolvemento de habilidades para afrontar entrevistas.
Realizáronse visitas virtuais a diversas empresas como Conservas Cuca, Amazon ou Zumosol, que nos permitiron coñecer tanto o seu funcionamento interno como os procesos de recursos humanos. As persoas participantes no programa tamén recibiron charlas telemáticas sobre o funcionamento das Empresas de Traballo Temporal, Centros Especiais de Emprego, etc.
Fixéronse sesións individuais de seguimento e apoio na busca de emprego, así como accións formativas telemáticas, como talleres de emprendemento, de mobilidade laboral, prevención de riscos laborais ou ferramentas para a busca activa de emprego. Enviáronse tamén ligazóns para a participación en diversas Webinar, como “O mercado laboral en Galicia na era COVID e POSTCOVID” ou outras temáticas sobre orientación e motivación para a busca dun traballo.  
Actualmente, estanse a realizar obradoiros virtuais de busca activa de emprego cos que se pretenden reforzar os coñecementos adquiridos nesta área (sistemas de almacenamento, como enviar CVs a través de WhatsApp, a pegada dixital, etc.). Pola súa banda, a partir de xullo retomarase a prospección laboral e a busca de empresas para a realización de prácticas non laborais que faciliten a mellora da empregabilidade e polo tanto a inserción laboral.