No programa PAIEM, co apoio da Fundación Barrié, no 2022 atendemos a 150 persoas internas nos centros penais galegos, grazas ao traballo das asociacións Alume, APEM, Lenda e á delegación de Saúde Mental FEAFES Ourense.
O Programa de Atención Integral ao Enfermo Mental en prisións (PAIEM) aplícase en todos os centros penais de Galicia a través das asociacións Alume (Bonxe e Monterroso), Lenda (A Lama e CIS Vigo), APEM (Teixeiro e CIS Coruña) e a delegación Saúde Mental FEAFES Ourense (Pereiro de Aguiar). Conta co financiamento da Fundación Barrié e a Fundación Roviralta, así como o apoio da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias.
Con este programa búscase que as persoas internas con problemas de saúde mental coñezan e aprendan a manexar a súa patoloxía, evitando recaídas. Favorecendo, ademais, a participación nos programas e recursos do centro. Ao longo do 2022 traballouse con 150 persoas internas, das cales 133 foron homes e 17 mulleres.
Outro dos traballos que se realiza no marco do programa PAIEM é a implicación e o contacto coas familias. Este ano logramos alcanzar un total de 227 intervencións con 35 familias. Destaca tamén o traballo con 35 internos de apoio e a participación dun total de 32 profesionais nas actividades do programa.
No 2022 retomouse unha maior presencialidade nas actividades tras a pandemia, desenvolvendo un total de 373 actividades grupais. Delas, as que acadaron maior participación foron as de psicoeducación e psicoterapia grupal, pero tamén se realizaron talleres de habilidades sociais, rehabilitación cognitiva, vida saudable e saídas terapéuticas. Por outra banda, ao longo do ano realizáronse un total de 712 intervencións psicolóxicas individuais, 96 máis que o ano anterior.