Skip to main content
O Servizo Galego de Saúde pon a disposición dos seus profesionais e das asociacións que traballan con pacientes de saúde mental o programa online e-Motional Training, dirixido a pacientes con trastornos mentais como a esquizofrenia, o trastorno bipolar, os trastornos de espectro autista e tamén para persoas con dano cerebral.
En Galicia, arredor de 200 pacientes traballan xa con esta ferramenta interactiva. Permítelles mellorar a súa rehabilitación en cognición social, é dicir, un adestramento, por exemplo, no recoñecemento das emocións e en percepción social. Doutra banda, posibilita aos profesionais realizar o diagnóstico dos pacientes por parte do equipo médico e, doutra, facer un seguimento dos seus logros a medida que se van adestrando. O programa está actualmente desenvolvendo e ampliando os seus contidos, pero os resultados das súas fases experimentais e piloto amosan melloras notables nos seus usuarios.
Ao ser unha ferramenta en liña, permite que se poida acceder a el dende calquera lugar, cun ordenador ou unha tablet con acceso a Internet, e en calquera momento. O seu uso é gratuíto para profesionais e usuarios dos dispositivos da rede de asistencia á saúde mental de Galicia. Para utilizalo só é preciso que os responsables das unidades se poñan en contacto co equipo coordinador de e-Motional Training, que creará contas de usuario anónimas para os pacientes.

Primeira sesión en A Mariña

A asociación A Mariña é unha das entidades de FEAFES Galicia que está a probar esta aplicación. A súa directora técnica xeral, Mª José Nóvoa, asistiu o pasado 7 de xuño á presentación da plataforma e-Motional Training na Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), onde interviñeron o Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, D. Jorge Aboal Viñas, e o Dr. Alexandre García Caballero, profesor asociado de Psiquiatría da USC e psiquiatra do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Dende ese día, a asociación iniciou os trámites para contar con este programa nos distintos dispositivos dos que dispón, comezando onte na Unidade Residencial de Cervo, hoxe no Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela e mañá realizarase a primeira sesión grupal en Ribadeo. 
Este programa permite obter uns resultados moi positivos en cognición social. Está demostrado que cun 80% de adestramento a través dos exercicios testados (como o recoñecemento de emocións faciais), o nivel de mellora é moi alto. Na parte da teoría da mente, a ferramenta utilizada son dúas películas e finalmente hai un videoxogo chamado Second Chance, que se atopa en fase experimental.