“Saúde Mental é Teatro”. Con este xogo de palabras, os compañeiros de DOA Cangas bautizaron a cuarta edición das xornadas interasociativas de teatro, una actividade que iniciou a asociación Andaina e da que DOA tomou o relevo tras a quenda de APEM o pasado ano.
A cita foi o xoves 22 de novembro no Auditorio Municipal de Cangas. A asociación anfitrioa deu o pistoletazo de saída ao encontro co grupo Furafollas Teatro, que interpretou “Taxi Driver”, unha divertida peza de pequenos sketches que relataban diversas situacións disparatadas que tiñan como fío condutor un taxi e as súas anécdotas.
A continuación, foi a quenda da asociación Avelaíña, que levou á escena dúas pezas. Con “As cinco estacións” fixo un paralelismo entre as estacións do ano e o crecemento persoal cara unha madurez integrada, sabia e feliz. Pola súa banda, con “Non te Rindas. Mario Benedetti” presentou unha oda á esperanza en forma de representación teatral.
As últimas actuacións da mañá correron da man da asociación APEM. O momento musical chegou da man dos compañeiros de Coruña, que fixeron bailar ao auditorio enteiro cunha adaptación do clásico “Grease”. Pola súa banda, APEM Carballo optou pola crítica social a través de “Cambiouche ben o conto”, unha peza que fai unha radiografía da sociedade galega de finais dos anos 80 e a lenta adaptación desta a determinados dereitos que non estaban normalizados.
Tras o parón da comida, na que houbo un espazo para a convivencia, retomamos pola tarde con A Mariña e “O gardián da árbore dos desexos”, unha obra máxica que nos ensinou que a felicidade non reside nas cousas materiais nin nas ambicións absurdas. Para rematar, os artistas de Andaina agasalláronnos un ano máis con “Full Monty” e “O galo. Comedia dellArte”. Na primeira, fixeron unha adaptación da coñecida película para lanzar un raio de luz ao tema da erótica e a sexualidade nas persoas con problemas de saúde mental. Na segunda, os tradicionais personaxes da Comedia dellArte aportáronnos moita risa e enredos.
Entre cada unha das obras, coñecidos actores e monologuistas do Morrazo e arredores amenizaron as esperas cunha serie de soliloquios nos que contaron as súas experiencias sobre as táboas, interactuando co público para coñecer as súas inquedanzas e responder ás súas preguntas. Nelson Quinteiro, Fran Paredes, María Salgueiro e Santiago Cortegoso foron os encargados de achegar a maxia do teatro a través dos seus testemuños.
Pola súa banda, na inauguración estiveron presentes Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas; Leopoldo Robla, presidente de DOA Saúde Mental; e Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia. Entre os colaboradores, a asociación DOA agradece o apoio de Saúde Mental FEAFES Galicia, o Concello de Cangas, a Cafetería Cangas, Rule Vending e Irisar Centro de Impresión.
Cabe destacar tamén a gran afluencia de público, que andou preto das 300 persoas que se achegaron a celebrar o bo nexo entre o teatro e a saúde mental. Entre o público, ademais das asociacións participantes, estiveron presentes Lenda, A Creba e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.